VITICAST é un grupo operativo supra-autonómico cuxa finalidade é achegar solucións innovadoras na predición de enfermidades fúnxicas no viñedo.
Ten como obxectivo a optimización da produción e o desenvolvemento sustentable do cultivo da vide nas provincias bioclimáticas máis importantes do noroeste peninsular (parcelas obxecto de estudo situadas nas DDOO Rías Baixas, Ribeiro, Valdeorras e Ribera del Duero) a través da innovación no manexo das enfermidades fúnxicas de maior incidencia (mildio, oídio e botrite).
No proxecto desenvólvese unha ferramenta de aviso de posibles infeccións na que se combinarán: datos meteorolóxicos medidos a pé de parcela, predición dos estados fenolóxicos da vide e concentración de esporas e inóculo necesario para que se produza a infección. Esta ferramenta permitirá estimar con antelación a produción da colleita, así como reducir os tratamentos antifúnxicos aplicados no viñedo. Facilitará, polo tanto, o traballo de cooperativas e adegas vitivinícolas, contribuíndo á elaboración dun viño de maior calidade e a unha produción máis sustentable, ao minimizar a incidencia da aplicación de fitosanitarios no medio ambiente.
Os Grupos Operativos, actores principais da implementación da AEI-Agri (Asociación Europea de Innovación en agricultura produtiva e sustentable), son unha das ferramentas clave na execución do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020 para impulsar a innovación no sector agroalimentario e forestal dentro do ámbito europeo. Trátase da agrupación de axentes de diferente perfil con intereses comúns, tales como agricultores/as, gandeiros/as, empresas, centros de investigación ou de formación e divulgación, que se asocian para poñer en marcha un proxecto de innovación co obxecto de dar unha resposta conxunta e multisectorial a un problema ou necesidade.
Máis información:
- Agricultura e Desenvolvemento Rural da Comisión Europea: https://ec.europa.eu/agriculture/index_es
- Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020: http://www.redruralnacional.es/desarrollo-rural/programas-de-desarrollo-rural

FINANCIACIÓN
Mediante a Resolución do 26 de febreiro de 2019, do Fondo Español de Garantía Agraria, O. A. (FEGA), pola que se convocan axudas para a concesión de subvencións á execución de proxectos de innovación de interese xeral por grupos operativos da AEI-Agri, no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020, para o ano 2019, o grupo operativo «Solucións innovadoras para a predición de enfermidades fúnxicas na vide» (VITICAST) recibe unha subvención de 599.957,11 €, cofinanciada nun 80 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e nun 20 % por fondos da Administración Xeral do Estado, como establece o Real Decreto 169/2018, do 23 de marzo. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Política Forestal é a autoridade de xestión encargada da aplicación da axuda do FEADER e nacional correspondente.
ORZAMENTO
615.249,11 euros
SOCIOS
Membros participantes:
- Monet Tecnología e Innovación S.L. (representante do grupo operativo)
- Viña Costeira S.C.G.
- Bodega Hacienda Monasterio S.L.
- Bodega Matarromera S.L.
- Estación Fitopatolóxica Areeiro (Deputación de Pontevedra)
- Universidade de Vigo (grupo de Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos)
- Fundación Empresa Universidad Gallega (FEUGA)
Membros subcontratados:
- USC (grupo de Cromatografía e Quimiometría)
Membros colaboradores:
- Plataforma Tecnolóxica do Viño (PTV)
- Asociación de Colleiteiros Embotelladores do Ribeiro (ACER)
- Asociación Galega de Viticultura (AGV)
WEB
















