Proxectos nacionais

PURINPRECISO

GO PURINPRECISO: Sistema intelixente de control e documentación dixital de equipos de aplicación de xurros para a optimización do seu uso como fertilizantes

A publicación no BOE do Real Decreto 1051/2022, do 27 de decembro, establece normas para a nutrición sostible nos chans agrarios, obrigando a utilizar algún sistema que determine o contido real de nutrientes do xurro no momento da súa aplicación. É por este motivo que o proxecto PURINPRECISO busca desenvolver e probar un equipo para a análise, control e documentación dixital en tempo real da aplicación de xurros con tanque distribuidores para o seu uso como fertilizantes e así cumprir co establecido no RD 1051/2022. Para iso, deseñarase e avaliará un sistema intelixente que permita realizar as seguintes funcións:

  • Determinar durante a aplicación do xurro o contido en nutrientes principais do fertilizante.
  • Regular a dose de aplicación en tempo real para aplicar a cantidade de nutriente correcta que demande o chan e o cultivo.
  • Informar o condutor do tractor en tempo real dos parámetros que garantan unha aplicación uniforme do nutriente: cantidade de nutriente aplicado, dose de xurro aplicada e velocidade real de avance.
  • Rexistrar dixitalmente de forma xeolocalizada os parámetros de aplicación no sistema informático do equipo para garantir a rastrexabilidade da operación realizada.
  • Exportar a documentación do traballo nun formato compatible co caderno dixital da exportación.

Os resultados potenciais que se esperan deste proxecto son:

  • Cuantificación do contido dos nutrientes principais do xurro cargado no tanque distribuidor durante a aplicación que incrementará a eficiencia no aproveitamento dos nutrientes, ao axustar de inmediato as doses de fertilización.
  • Realización dos traballos de aplicación mecanizada do xurro cunha maior precisión e uniformidade, reducindo o impacto ambiental dos fertilizantes orgánicos no medio natural e rexistrando e almacenando dixitalmente e de forma xeolocalizada todas as aplicacións realizadas.
  • Posta ao dispor dos gandeiros e agricultores dun sistema de axuda á decisión cunha tecnoloxía economicamente alcanzable para mellorar a eficiencia das aplicacións de xurro.
  • Mellora da competitividade das empresas fabricantes de tanques de xurro de Galicia ao equipar as súas máquinas con tecnoloxía innovadora que permite cumprir coa normativa vixente e de fácil manexo para os operarios.

Este proxecto está financiado polas axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027. A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao cal lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais no ámbito rural e engloba as competencias en materia de agricultura, gandería, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais. Orzamento: 180.000,00 €.

O proxecto está formado por un equipo multidisciplinar composto por Talleres Carruxo SL, os grupos de I+D+i BioModem, Visión artificial e Arquitectura de computadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC), SAT As Pandas, a Fundación Empresa Universidad Gallega (FEUGA) e, como entidade cooperante, o Centro Investigacións Agrarias Mabegondo (CIAM-Agacal).

Descarga o tríptico informativo: ES

 

FINANCIACIÓN

180.000,00€ (100% subvencionado)


ORZAMENTO

180.000,00€


SOCIOS

Socios:

  • Talleres Carruxo SL
  • BioModem
  • Visión Artificial e Arquitectura de Computadores da USC
  • SAT As Pandas
  • Fundación Empresa Universidad Gallega (FEUGA)

Entidade cooperante:

  • Centro Investigacións Agrarias Mabegondo (CIAM-Agacal)


Casos de éxito