Agricultura de precisión con millo forraxeiro en Galicia
O proxecto céntrase no desenvolvemento da agricultura de precisión en millo forraxeiro en Galicia, técnica agrícola que permite a xestión eficiente dos recursos mellorando a produtividade dos cultivos.
Proponse o desenvolvemento dun procedemento de elaboración de mapas de rendemento que depure os erros que aparecen nos datos en bruto rexistrados polas colleitadoras autopropulsadas de forraxe. Co adecuado mantemento da información poderase xerar un maior valor engadido ao empregar mapas de rendemento para a optimización das doses de sementeira e fertilizantes no cultivo de millo forraxeiro en Galicia. Mediante a análise da calidade dos datos obtidos polas máquinas, establecerase un método de procesado para depuralos e obter mapas que poidan ser empregados para mellorar a eficacia do sistema de produción de millo forraxeiro en Galicia.
Obxectivos
- Poñer a disposición dos gandeiros e agricultores un novo procedemento fiable para a toma de decisións en cultivo de millo forraxeiro, empregando os mapas de rendemento do cultivo para mellorar a sustentabilidade ambiental e económica das explotacións de vacún de leite.
- Elaboración de mapas mellorados de rendemento das fincas, depurando a información en bruto recollida polas colleitadoras. Para facelo, eliminaranse os erros sistemáticos e aleatorios que se detecten e establecerase un protocolo para a realización deste procesado de información.
- Introducir en Galicia a tecnoloxía requirida para documentar de forma xeo referenciada a produción de millo forraxeiro dunha parcela en tempo real. Comprobar o seu correcto funcionamento e formar aos operarios para empregalo nas parcelas dos gandeiros.
- Empregar a información dos mapas de rendemento obtidos polas colleitadoras para optimizar as operacións de sementeira e fertilización de parcelas de millo forraxeiro.
Resultados esperados
- Elaboración dun protocolo para limpar datos en bruto dos mapas de rendemento do cultivo de millo forraxeiro.
- Mapas de rendemento do cultivo de millo forraxeiro fiables para seren empregados na xestión do cultivo.
- Tecnoloxía de agricultura de precisión para poder elaborar mapas de rendemento do cultivo de millo forraxeiro, dispoñibles para os gandeiros de Galicia. Operarios coa formación necesaria para o seu emprego nas explotacións.
- Optimización da sementeira e fertilización das parcelas de millo forraxeiro, en base á información dos mapas de rendementos obtidos.
- Guía de boas prácticas para realizar os mapas de rendemento.
Proxecto financiado polas axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas nun 75% co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020. A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao cal lle corresponde propor e executar as directrices xerais no ámbito rural, e engloba as competencias en materia de agricultura, gandaría, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais.
MILLOPRECISO é a entidade responsable deste contido
FINANCIACIÓN
180.000 € - 75% Feader
ORZAMENTO
180.000 €
SOCIOS
FEUGA
Marcos Otero S.L. (representante)
Ganadería Francisco López Pena
Universidade de Santiago de Compostela a través do Grupo BioModem