PROXECTOS NACIONAIS

GREENCASTANEA

Produción de castiñeiro micorrizado mediante cultivo in vitro e selección intravarietal de variedades IXP

En Galicia, o souto é un dos cultivos máis rendibles. Constitúen, ademais, ecosistemas autóctonos, potencian a paisaxe tradicional e preveñen incendios. Sen embargo, os métodos tradicionais de produción son pouco eficientes e non permiten cubrir a demanda. É fundamental acadar sistemas rendibles e sostibles que permitan unha maior produción de planta, de maior calidade e garantindo a súa sanidade.

GREENCASTANEA é un proxecto piloto que busca modernizar o cultivo do castiñeiro. O obxectivo final é mellorar a rendibilidade do souto tradicional mediante a multifuncionalidade e a utilización das variedades galegas IXP (Indicación Xeográfica Protexida), poñendo a ciencia a disposición do agricultor e mellorando as aptitudes do seu produto.

Implantarase un innovador sistema, eficiente e sostible, para a produción de variedades tradicionais de castiñeiros, que serán enxertados mediante cultivo in vitro e micorrizados con Boletus edulis producidos en medios líquidos. Por outra banda, incorporarase un sistema de termohidrotratamento que servirá para desinfectar o material vexetal empregado para o enxerto, garantindo o bo estado de saúde das plantas.

Para elo, o proxecto GREENCASTANEA aplicará:

  1. Técnicas de cultivo in vitro.
  2. Técnicas biotecnolóxicas de micorrización.
  3. Técnicas biotecnolóxicas de termohidroterapia.
  4. Técnicas biotecnolóxicas de selección clonal e identificación molecular.

Finalmente, avaliaranse as características e o rendemento dos castiñeiros obtidos con este innovador sistema nunha plantación experimental demostrativa.

Que é un proxecto piloto?

Os proxectos piloto son agrupacións de entidades e profesionais de distinto perfil que xorden co fin de fomentar a cooperación e impulsar a innovación e a investigación nos sectores agrícola, gandeiro, forestal e/ou agroalimentario.

GREENCASTANEA está financiado pola convocatoria de axudas para o apoio dos proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao que lle corresponde propoñer e executar as directrices xenerais no ámbito rural e engloba as competencias en materia de agricultura, gandería, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes e prevención e defensa dos incendios forestais.

Duración do proxecto

Abril 2021 – Xullo 2023

Financiamento
150.000,00 € - Cofinanciación UE: 75% FEADER
Presuposto
187.500,00 €
Socios

Entidade beneficiaria:

HIFAS FORESTA, S.L.

Axentes cooperantes:

  • Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA)
  • Universidade de Vigo (UVigo), a través do Grupo de Investigación Agrobiotech For Health.
  • Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia
  • Soutos Sativa, S.L.

Compárteo