- Os interesados poden presentar as
súas de candidaturas desde hoxe e ata o 23 de xuño, incluído
- Están destinadas a estudantes de últimos cursos de Artes e Humanidades,
Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura
- As persoas interesadas nalgunha das 32 prazas dispoñibles poden presentar
a súa solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, previa inscrición no portal de bolsas Feuga
- Este programa é
unha das actuacións do catálogo de actividades do Plan DigiTalent para dar resposta
á demanda de novos perfís dixitais
Santiago de Compostela,
1 xuño de 2020.– Hoxe
reanúdanse os prazos para solictar as bolsas do Programa DigiTalent, que ofrece
32 prazas a estudantes de últimos cursos de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde,
Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura para realizar prácticas
formativas en empresas do sector tecnolóxico. Os interesados poderán remitir as
súas candidaturas ata o próximo día 23 de xuño (incluído).
Estas bolsas están orientadas a estudantes universitarios menores de 31
anos, matriculados en Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais
e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura de calquera das tres universidades
galegas e que teñan máis do 75% e menos do 100% de créditos aprobados.
Tras a suspensión da convocatoria publicada no (DOG) o pasado día 5 de marzo pola
declaración de situación de emerxencia sanitaria en Galicia, hoxe faixe
efectivo o publicado no Real Decreto 537/2020 (BOE), que prevé a reapertura dos prazos que
foran interrompidos con efectos desde hoxe día 1 de xuño.
Candidaturas e seleccións dos bolseiros
Os estudantes interesados deberán presentar telematicamente a súa
solicitude para poder acceder ás prazas do programa, a través do formulario
dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (código de procedemento
PR607A). Ademais, deberán estar rexistrados e ter o seu perfil actualizado no
portal de becas Feuga na seguinte ligazón: http://www.becasfeuga.es/ofertas/listar/etiqueta/amtega.
As candidaturas dos bolseiros valoraranse en función da nota media do
expediente académico e unha memoria explicativa sobre a motivación dos
solicitantes para realizar a práctica formativa e os resultados que pretende
acadar.
Realización das prácticas formativas
Unha vez realizada a selección, os beneficiarios realizarán prácticas remuneradas
nalgunha das 21 empresas seleccionadas como entidades colaboradoras, por un
período de 3 meses e unha duración de 20 horas semanais, contando cun plan de
formación e recibirán asesoramento, orientación e dirección das persoas
responsables das empresas TIC.
As empresas teñen experiencia en proxectos relacionados con tendencias
tecnolóxicas emerxentes tales como big data, tecnoloxías móbiles, deseño de
servizos e aplicacións cloud, ciberseguridade, IoT, blockchain, realidade
aumentada, intelixencia artificial, wearables, entre outras. A listaxe completa
de entidades que participan no programa está dispoñible na web: https://digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/bolsas-digitalent
Cabe sinalar, que no contexto actual de transición á nova normalidade,
aos beneficiarios do programa aplicaranlle as mesmas medidas de protección y
protocolos levados a cabo polas empresas colaboradoras para protexer e promover
a seguridade e a saúde no traballo do conxunto dos seus empregados.
Colaboración institucional
As bolsas DigiTalent articúlanse a través dun convenio de colaboración
asinado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a
Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), as Universidades
de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña e a Fundación Empresa-Universidade
Galega (FEUGA); e contribuirá a dar resposta á demanda de novos perfís dixitais
e facilitar a hibridación entre os sectores TIC e non TIC.