ACTUALIDAD

03-06-20

Reanúdase o prazo para solicitar as bolsas do programa DigiTalent para facilitar a incorporación de perfís non tecnolóxicos ao sector TIC

  • Os interesados poden presentar as súas de candidaturas desde hoxe e  ata o  23 de xuño, incluído
  • Están destinadas a estudantes de últimos cursos de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura
  • As persoas interesadas nalgunha das 32 prazas dispoñibles poden presentar a súa solicitude a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, previa inscrición no portal de bolsas Feuga
  • Este programa é unha das actuacións do catálogo de actividades do Plan DigiTalent para dar resposta á demanda de novos perfís dixitais

Santiago de Compostela, 1 xuño de 2020.- Hoxe reanúdanse os prazos para solictar as bolsas do Programa DigiTalent, que ofrece 32 prazas a estudantes de últimos cursos de Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura para realizar prácticas formativas en empresas do sector tecnolóxico. Os interesados poderán remitir as súas candidaturas ata o próximo día 23 de xuño (incluído).

Estas bolsas están orientadas a estudantes universitarios menores de 31 anos, matriculados en Artes e Humanidades, Ciencias da Saúde, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura de calquera das tres universidades galegas e que teñan máis do 75% e menos do 100% de créditos aprobados.

Tras a suspensión da convocatoria publicada no (DOG) o pasado día 5 de marzo pola declaración de situación de emerxencia sanitaria en Galicia, hoxe faixe efectivo o publicado no Real Decreto 537/2020 (BOE), que prevé a reapertura dos prazos que foran interrompidos con efectos desde hoxe día 1 de xuño.

Candidaturas e seleccións dos bolseiros

Os estudantes interesados deberán presentar telematicamente a súa solicitude para poder acceder ás prazas do programa, a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (código de procedemento PR607A). Ademais, deberán estar rexistrados e ter o seu perfil actualizado no portal de becas Feuga na seguinte ligazón: http://www.becasfeuga.es/ofertas/listar/etiqueta/amtega.

As candidaturas dos bolseiros valoraranse en función da nota media do expediente académico e unha memoria explicativa sobre a motivación dos solicitantes para realizar a práctica formativa e os resultados que pretende acadar.

Realización das prácticas formativas

Unha vez realizada a selección, os beneficiarios realizarán prácticas remuneradas nalgunha das 21 empresas seleccionadas como entidades colaboradoras, por un período de 3 meses e unha duración de 20 horas semanais, contando cun plan de formación e recibirán asesoramento, orientación e dirección das persoas responsables das empresas TIC.

As empresas teñen experiencia en proxectos relacionados con tendencias tecnolóxicas emerxentes tales como big data, tecnoloxías móbiles, deseño de servizos e aplicacións cloud, ciberseguridade, IoT, blockchain, realidade aumentada, intelixencia artificial, wearables, entre outras. A listaxe completa de entidades que participan no programa está dispoñible na web: https://digitalent.xunta.gal/gl/iniciativa/bolsas-digitalent

Cabe sinalar, que no contexto actual de transición á nova normalidade, aos beneficiarios do programa aplicaranlle as mesmas medidas de protección y protocolos levados a cabo polas empresas colaboradoras para protexer e promover a seguridade e a saúde no traballo do conxunto dos seus empregados.

Colaboración institucional

As bolsas DigiTalent articúlanse a través dun convenio de colaboración asinado pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), as Universidades de Santiago de Compostela, Vigo e A Coruña e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA); e contribuirá a dar resposta á demanda de novos perfís dixitais e facilitar a hibridación entre os sectores TIC e non TIC.

Compártelo