O Grupo ITELSIS con sede en Santiago de Compostela, súmase ao noso padroado. A compañía é referente nacional e internacional no sector das tecnoloxías da comunicación. A entrada deste novo membro do padroado formalizouse na xunta directiva semestral e rubricouse nun encontro no que participaron o conselleiro delegado de ITELSIS, Gerardo García, o presidente de FEUGA, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, e o director xeral de FEUGA, Javier Pereiro. “A investigación, o desenvolvemento e a innovación son puntos en común de carácter estratéxico de ambas as entidades, que servirán para reforzarse mutuamente e que establecerán sinerxias positivas”, manifestaron trala reunión celebrada.
ITELSIS caracterizouse desde a súa orixe en 1989 pola creación de valor tecnolóxico e por constituírse nun provedor de referencia no mercado. Os seus inicios coinciden co despregamento das cadeas privadas e das canles autonómicas de radio e televisión aos que ofrece o proceso produtivo tecnolóxico completo. Igualmente, e froito da experiencia acumulada, desempeñou un papel relevante na implantación da televisión dixital en todo o mundo. Ademais, o seu coñecemento do mercado permitiulle participar en diversos proxectos internacionais localizados en América Latina, Australia, China ou Marrocos.
A Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), desde a súa constitución, tivo entre os seus obxectivos preferentes de traballo a canalización e proxección do coñecemento da universidade cara á empresa. Coa incorporación de ITELSIS, moitas das principais empresas sectoriais da comunidade forman parte do noso padroado, que mostra desta maneira o seu peso na relación entre universidade e sector produtivo para canalizar o coñecemento en beneficio do tecido empresarial e social galego.