A biotech Hifas da Terra incorpórase ao noso Padroado

09/11/2023

Sumamos un novo membro ao noso padroado coa incorporación de Hifas da Terra, unha spin-off da USC que conta con 23 anos de experiencia e que se converteu nunha das biotecnolóxicas máis importantes en Europa para o estudo e desenvolvemento das propiedades medicinais dos fungos. Investigación, innovación e sustentabilidade son os piares desta empresa que ten a súa base na provincia de Pontevedra.

Xunto con Hifas da Terra compartimos unha traxectoria de colaboración de case unha década que agora se consolida coa súa incorporación ao noso padroado. A cooperación entre ambas as entidades comezou en 2014 e ao longo desta década reforzouse coa participación en varios proxectos de I+D+i relacionados, sobre todo, co sector forestal e do agro. Neste sentido destacan, como máis recentes, MICOALGA-CANAL DE CONTIDOS, para reducir o uso de antibióticos en gandería, a través dunha alimentación natural baseada en fungos e microalgas, e GREENCASTANEA, no sector do agro, para mellorar a produtividade a través da produción de castaño micorrizado mediante cultivo in vitro.

A incorporación ao padroado ratificouse nun acto celebrado na nosa sede de Santiago no que participaron Esteban Sinde, presidente e director de I+D do Grupo Hifas, e o noso director xeral, Javier Pereiro. Unha incorporación que permitirá reforzar e abrir novas vías de colaboración para trasladar á sociedade os resultados da aposta pola innovación e a investigación.

Hifas da Terra foi fundada en 1998 da man de Catalina Fernández de Ana Portela, bióloga, micóloga e Doutora en Investigación Clínica Oncolóxica na Universidade de Santiago de Compostela. A compañía, un proxecto biotecnolóxico pioneiro nado en Galicia, converteuse en líder internacional no desenvolvemento de produtos naturais baseados nas múltiples propiedades dos fungos medicinais destinados a mellorar a saúde humana. En Hifas da Terra poñen o coñecemento científico en micoloxía aplicada ao servizo do benestar, non só na elaboración dos seus produtos, senón tamén realizando estudos de investigación e impulsando proxectos de I+D+i que manteñen o seu compromiso co medioambiente.

Ao equipo de Hifas da Terra súmanse grupos de asesores científicos nacionais e internacionais. Estes desenvolven fórmulas que axudan ao coidado da saúde a partir das substancias bioactivas dos cogomelos e fungos medicinais, os cales estudan, producen, extraen e purifican. Grazas a estas exhaustivas investigacións, baseadas na innovación sobre o uso de micoloxía (I+D+i), Hifas da Terra dispón dun amplo vademécum de produtos indicados para combater certas enfermidades neurodegenerativas, enfermidades cardiovasculares e enfermidades autoinmunes.