A Cámara Oficial Mineira de Galicia, novo membro do noso padroado

21/09/2023

A Cámara Oficial Mineira de Galicia súmase como novo membro do noso padroado. Unha entidade que aglutina a un dos sectores estratéxicos de Galicia representando á industria dos recursos minerais (empresas mineiras e vinculadas, balnearios e augas minerais, e traballadores) e promovendo unha actividade sostible, comprometida co desenvolvemento da contorna social que garanta o uso racional dos recursos e o respecto polo medio ambiente.

Reforzamos así a nosa colaboración aproveitando as sinerxias entre ambas entidades para profundar en aspectos como a innovación, a formación e a inserción laboral na industria mineira. Unha das primeiras actuacións que levaremos a cabo será a materialización dun portal de emprego para o sector que lanzará a Cámara co obxectivo de captar talento. O site personalizado que elaboramos, con conexión directa co noso portal de emprego Teujob, ten por obxectivo conectar oferta e demanda de perfís especializados, tanto do ámbito universitario como de FP. Ademais, aproveitaremos a experiencia de ambas as entidades para reforzar aspectos como a formación, a innovación e o desenvolvemento de novos proxectos europeos da man dos máis de sesenta grupos de investigación das tres universidades galegas. Darase a coñecer no evento de presentación da OIPE o próximo 3 de outubro na sede da Axencia Galega de Innovación (GAIN).

A entrada do novo membro do padroado ratificouse nun acto celebrado na nosa sede de Santiago de Compostela, nun encontro no que participaron o presidente da Cámara Oficial Mineira de Galicia, Juan José López Muñoz, e o noso director xeral, Javier Pereiro. Ambos destacaron as posibilidades que se abren coa incorporación da Cámara ao padroado da Fundación xa que se establecerán sinerxias positivas que redundarán en beneficio da sociedade galega.  

Coa incorporación da Cámara Oficial Mineira de Galicia, as principais empresas sectoriais da Comunidade forman parte do noso padroado, que mostra desta maneira o seu peso na relación entre universidade e sector produtivo para canalizar o coñecemento en beneficio do tecido empresarial e social galego.