Seminario online do proxecto SUEROVAL, no que participamos

22/05/2024

O Grupo Operativo galego SUEROVAL, no que participamos, organiza o xoves 6 de xuño, ás 16:00h, un webinar en liña para presentar o proxecto de innovación. Na xornada, representantes das entidades que integran devandito proxecto expoñerán os traballos que están a realizar para lograr os obxectivos e resultados esperados de SUEROVAL.

O Grupo Operativo galego SUEROVAL nace en 2023 e busca obter un aditivo de alto valor a partir de soro lácteo desecado empregando un deshidratador híbrido solar de pegada de carbono case nula que, combinado con fariña de castaña, permitirá elaborar unha nova gama de produtos: barritas enerxéticas, flocos e snacks.

No marco das actividades de divulgación do proxecto, organízase este webinar en liña gratuíto para dar a coñecer, entre os distintos axentes do sector e o público en xeral, os obxectivos, actividades en desenvolvemento e avances do proxecto de innovación. Ademais, cada unha das entidades participantes no Grupo Operativo galego SUEROVAL comentarán o papel que están a levar a cabo no proxecto, así como o impacto positivo que este terá nos sectores agrícola e gandeiro.

O webinar contará cos relatorios de representantes das cinco entidades galegas que integramos o proxecto. Ademais de María José Lubián, do noso equipo de Innovación e Proxectos Nacionais, completarán o programa integrantes de Queixos Castelo de Brañas S.L., o Centro Tecnolóxico da Carne (CETECA), Trasdeza Natur S. Coop. Galega e Amarelante Sociedade Cooperativa Galega.

Cando: xoves, 4 de xuño, ás 16:00h

Onde: online, vía Zoom

Duración: 16:00h – 18:00h

Inscripcións: https://forms.office.com/e/Kv3XXzxvrT

SUEROVAL está financiado polas axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas nun 80% co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027, con fondos propios da Xunta de Galicia nun 14% e con fondos do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación nun 6%. A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega á que lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais no ámbito rural, e engloba as competencias en materia de agricultura, gandería, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais.

Orzamento total SUEROVAL: 179.340,00 € (100% subvencionado)