FEUGA presenta o catálogo formativo do proxecto EDIH DATAlife

16/07/2024

FEUGA elaborou o catálogo formativo que se implementará durante 2024 e 2025 para impulsar a adopción de tecnoloxías disruptivas en certos sectores estratéxicos do ecosistema galego, dentro do marco do proxecto EDIH DATAlife. É o resultado dunha exhaustiva investigación en necesidades formativas e oferta existente nos ámbitos agro-mar-alimentario, biotecnolóxico, forestal-madeira e saúde-coidados.

O catálogo, que recolle unha serie de formacións financiadas integramente polo proxecto EDIH DATAlife, pretende facilitar o acceso ao coñecemento en tecnoloxías como a Intelixencia Artificial, o Big Data, o Internet das Cousas (IoT), a Ciberseguridade e a Computación de Alto Rendemento (HPC). Así, potenciará a competitividade e sustentabilidade do tecido empresarial galego, especialmente das PEMES, promovendo a creación dunha economía máis xusta, verde e saudable na nosa rexión.

A presentación pública do catálogo formativo tivo lugar no segundo evento anual do proxecto, que se realizou o pasado 27 de xuño no edificio FEUGA de Santiago de Compostela, reunindo a todo o consorcio, empresas interesadas e representantes institucionais. Previamente, validárase a proposta en diversas mesas de traballo con asistencia de PEMES e axentes de cada sector.

O seu desenvolvemento é o resultado dun esforzo colaborativo, no que participaron os clústeres vinculados aos sectores analizados como dinamizadores sectoriais, universidades e centros tecnolóxicos como provedores de formación e FEUGA e DIH DATAlife como coordinadores da actividade. Grazas a esa colaboración, puidemos contar cun rigoroso análise das necesidades formativas non cubertas en cada sector para a implementación tecnolóxica, e resolver esas necesidades propoñendo formacións gratuítas que cubran as lagoas identificadas. Este enfoque asegura que as formacións propostas responden adecuadamente ás demandas actuais do mercado e ás capacidades tecnolóxicas requiridas.

O proxecto EDIH DATAlife, financiado polo programa Digital Europe, busca posicionar a Galicia como un referente europeo en biorrecursos, sustentabilidade e saúde. FEUGA lidera o Paquete de Traballo 5 sobre habilidades dixitais e formación e comprometeuse a mellorar as competencias tecnolóxicas dos profesionais galegos.

Podes consultar todas as formacións e o catálogo no que se recollen na páxina web do proxecto. Aínda que xa se realizaron algunhas actividades na primeira metade de 2024, a maioría terán lugar a partir de setembro deste mesmo ano e terán custo cero para os seus asistentes, que deberán inscribirse desde a páxina web do EDIH a medida que se abran as inscricións ás distintas formacións, que ampliarán máis alá das propostas actuais a medida que se identifiquen novas necesidades. Tamén podes manterte ao día seguindo o proxecto en redes sociais como X LinkedIn.