FEUGA organiza, no marco do proxecto europeo IPMWorks, do que é socio, un evento de demostración o vindeiro martes 14 de febreiro en Bodegas Martín Códax. O evento ten por título “A poda, labor crave para coidar o viñedo” e consistirá nunha clase maxistral práctica sobre técnicas de poda no viñedo para alongar a vida das cepas e mantelas sas impartida por Julián Palacios, enxeñeiro agrónomo, experto viticultor e fundador de Viticultura Viva. A xornada dará comezo ás 08:30h nas instalacións das Bodegas Martín Códax en Cambados e rematará ás 14:30h.
Durante as 6 horas que dura o evento de demostración, haberá tempo para unha breve benvida e presentación do proxecto IPMWorks, seguida da primeira sesión de poda, na que Julián Palacios explicará os principios da poda e as súas aplicacións prácticas, ata as 10:15h. Despois, haberá unha pausa para o café seguida da saída ao viñedo experimental das Bodegas Martín Códax. Alí, ás 11:45h, comezará a sesión práctica de poda en viñedo, impartida por Julián Palacios en colaboración co equipo técnico da bodega, que se alongará ata o fin da xornada deixando espazo para dúbidas, conclusións e peche. Podes consultar a axenda completa e detallada aquí.
IPMworks, traducido como “A Xestión Integrada de Pragas Funciona”, ten como obxectivo fomentar o uso de técnicas alternativas aos praguicidas químicos en agricultura, a través de demostracións na práctica e divulgación de resultados. O proxecto, no que participan 31 entidades de 16 países diferentes, ten por obxectivo a creación dunha rede agrícola europea de promoción e demostración de estratexias de manexo integrado de pragas. Con este propósito, FEUGA organizou xa tres eventos de demostración anteriormente: sobre prevención de enfermidades fúngicas no viñedo, sobre uso de feromonas e morcegos para combater a avelaíña do acio e sobre integración de novas tecnoloxías na viticultura. Ademais, tamén dinamiza un HUB de viticultura en Galicia, que conta coa implicación de Bodegas Martín Códax e Viña Costeira.
Julián Palacios e a súa plataforma Viticultura Viva, propoñen un trato das cepas con mimo e esmero, observándoas dende preto e sen medo a innovar nin a aprender do pasado, ata atopar as técnicas máis valiosas e adecoadas de coidar os viñedos. Alongar a vida das cepas, mellorar o seu equilibrio e reducir as súas enfermidades a través da poda é o seu aceno de identidade. Así xestionan diversos viñedos en varias rexións vitivinícolas, facendo inseparables a teoría da práctica. Profesa unha visión sempre aliñada co respecto ao medio ambiente, ao mundo rural e á tradición que poderá expoñer nestas xornadas.
A asistencia é gratuíta pero xa se compretaron as prazas. Se che interesa este evento, mantente atento aos próximos eventos de demostración que traerá o proxecto.