Participamos na proba piloto do programa formativo de IPMWORKS

12/07/2023

O campo áchase inmerso nun proceso de cambio cara a un modelo de produción máis sostible e menos dependente dos produtos fitosanitarios. Un proceso que require tempo, formación e asesoramento. Co obxectivo de axudar aos agricultores nesta transición, o CIHEAM Zaragoza elaborou, no marco do proxecto europeo IPMWORKS, no que participamos, unha serie de módulos formativos sobre a xestión integrada de pragas, conxunto de estratexias que axudan a reducir o uso dos praguicidas. O 20 e 21 de xuño un total de 40 expertos, membros do proxecto, de 15 nacionalidades reuníronse na sede da organización para revisar os módulos desenvolvidos e definir a súa aplicación en actividades formativas dirixidas a agricultores, asesores e técnicos en toda Europa.


O propósito de IPMWORKS é demostrar e promover estratexias rendibles e eficaces de xestión integrada de pragas. Neste sentido, o proxecto achega contribucións e argumentos no debate actual sobre a proposta de regulamento da Comisión Europea sobre uso sostible de produtos fitosanitarios, no marco da Estratexia da Granxa á Mesa, coa que se busca actualizar a normativa aplicable a estes produtos, que data do ano 2009. 

IPMWORKS demostra que a xestión integrada de pragas pode contribuír a diminuír o uso de fitosanitarios e producir de forma saudable para os consumidores e o medioambiente, garantindo os rendementos e a rendibilidade das explotacións”, sinalou Joaquín Balduque, xestor do proxecto IPMWORKS no CIHEAM Zaragoza.Os módulos de formación de IPMWORKS serán unha ferramenta máis ao dispor de produtores, técnicos e asesores, e servirán para transmitir o coñecemento de todos os expertos involucrados no proxecto”, engadiu.


Como responsable da formación que se está levando a cabo dentro de IPMWORKS, o CIHEAM Zaragoza deseñou os módulos formativos sobre xestión integrada de pragas xunto aos expertos do propio consorcio internacional (entre os que nos atopamos, como entidade líder dun grupo de viticultores galegos) e colaboradores externos. A reunión de Zaragoza serviu como proba piloto destes materiais, onde os participantes realizaron simulacións e analizaron a mellor maneira de utilizalos tendo en conta o contexto de cada país.

Ademais de utilizarse en actividades específicas de formación, todo o material xerado estará accesible de maneira pública como un recurso para os profesionais agrícolas.

Sobre a xestión integrada de pragas

A xestión integrada de pragas consiste na aplicación de diversas medidas de xestión de pragas como prevención, seguimento, toma de decisións e métodos non químicos, para limitar a aplicación de produtos fitosanitarios unicamente a aquelas situacións nas que realmente son necesarios. Estas medidas combínanse nas explotacións para reducir a dependencia dos fitosanitarios e, por tanto, a exposición do medioambiente e as persoas a estes produtos, mantendo ao mesmo tempo a rendibilidade das explotacións. 

Sobre IPMWORKS

IPMWORKS (nome completo do proxecto: Unha rede europea de demostración e promoción de estratexias rendibles de xestión integrada de pragas) é un proxecto financiado polo programa Horizonte 2020 da Unión Europea que reúne a 31 socios de 16 países europeos, coordinados polo Instituto Nacional de Investigación para a Agricultura, a Alimentación e o Medio de Francia (INRAE). O obxectivo de IPMWORKS é promover a adopción de estratexias de xestión integrada de pragas, demostrando que “funcionan”, é dicir, que permiten unha baixa dependencia dos produtos fitosanitarios cun mellor control das pragas, unha redución dos custos e unha maior rendibilidade. Neste proxecto, o CIHEAM Zaragoza lidera o traballo sobre políticas así como a formación. Ademais, realiza actividades de comunicación e divulgación.

Sobre a nosa participación no proxecto

Lideramos un dos HUBs do proxecto, desempeñando un papel fundamental á hora de facilitar o intercambio de coñecementos, axudar aos agricultores para atopar as súas propias solucións de xestión integrada de pragas e organizar actividades de demostración locais. Cos viticultores galegos que o compoñen xa organizamos diversos eventos para exemplificar técnicas como a poda do viñedo para a prevención das súas enfermidades, a predición das enfermidades fúngicas ou o uso de feromonas e morcegos para combater a avelaíña do acio.