ACTUALIDADE

13-09-21

A gravación do webinar final do grupo operativo VARROAFORM, dispoñible no canal de YouTube de FEUGA

FEUGA, representante do proxecto de innovación VARROAFORM e entidade responsable das actividades de divulgación, publicou no seu canal de YouTube a gravación do webinar final do proxecto.

O webinar, celebrado online o pasado xoves 9 de setembro e con máis de 160 inscritos, contou ca participación de tódolos membros do proxecto: FEUGA, a Universidade de Santiago de Compostela (USC), a Universidade das Palmas de Gran Canaria (ULPGC) e os apicultores Agustín Arias, Benigno Basteiro e Urbano González. Tamén interveu Patricia Combarros, veterinaria apícola colaboradora con VARROAFORM. Todos eles expuxeron os traballos que realizaron no marco do proxecto dende a súa aprobación no 2019, un proxecto cuxo obxectivo é o desenvolvemento dunha formulación eficaz para o control e a prevención da varroatose en abella doméstica, un dos principais problemas que preocupan ao sector apícola. Ademais, déronse a coñecer os resultados acadados ao longo destes dous anos.

Ca celebración deste webinar e a publicación do mesmo, ponse o broche final ás actividades de divulgación do proxecto, cuxa execución finaliza a mediados de setembro deste mesmo ano. Un proxecto no que participaron entidades e profesionais con perfís moi diferentes, pero co interese común de buscar solucións innovadoras cas que facer fronte a unha enfermidade coma a varroose.

Máis información sobre VARROAFORM en www.varroaform.es.

VARROAFORM é un proxecto de innovación cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) é a autoridade encargada da aplicación das devanditas axudas. Presuposto total do proxecto: 395.920,30€. Subvención total: 379.920,30€.

FEUGA é a entidade responsable do presente contido.

Compárteo

Últimas novas