O Ministerio de Industria anunciou o lanzamento do PERTE Agroalimentario II, unha iniciativa estratéxica dotada con 100 millóns de euros. Esta segunda edición do Plan ten como obxectivo seguir impulsando a transformación, sustentabilidade e modernización da industria agroalimentaria en España.
A diferenza da primeira edición do Plan, esta segunda utilizará un proceso de adxudicación por concorrencia simple. Isto significa que os proxectos se irán aprobando e financiando conforme se presenten, o que pode axilizar significativamente o cobro das axudas. Este enfoque está deseñado para facilitar o acceso ao financiamento tanto a proxectos individuais como a unha nova liña de apoio específica para PEMES.
Estrutura do plan
O PERTE Agroalimentario II estrutúrase en tres liñas principais de actuación:
- Investigación, Desenvolvemento e Innovación: Inclúe proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental, innovación en organización e procesos, cun orzamento mínimo financiable de 800.000 euros para PEMES e de 1.500.000 euros para grandes empresas.
- Innovación en Sustentabilidade e Eficiencia Enerxética: Enfocada en investimentos innovadores para a protección do medio ambiente e o aforro enerxético. O orzamento mínimo será de 400.000 euros para PEMES e 1.000.000 euros para grandes empresas.
- Investimento PEME: Destinada exclusivamente a PEMES para investimentos en activos materiais e inmateriais relacionados coa produción na industria agroalimentaria. Como a anterior, esta liña tamén conta cun orzamento límite de 400.000 euros para PEMES e 1.000.000 euros para grandes empresas.
Nestes liñas, o programa prioriza proxectos que contribúan á economía circular, a ecoinnovación, a descarbonización, a eficiencia enerxética, o uso de novas fontes de enerxía renovable e a redución de emisións contaminantes. Tamén se fomentarán os materiais e produtos avanzados, a innovación en procesos de calidade e seguridade, e proxectos baseados en tecnoloxías dixitais como intelixencia artificial, robótica e sensórica.
As axudas cubrirán ata o 70% dos custos para as pequenas empresas en proxectos de investigación industrial e ata o 50% en proxectos de innovación en procesos e organización. Os investimentos en eficiencia enerxética e protección do medio ambiente poderán recibir axudas de ata o 60% para as pequenas empresas.
Prazos e beneficiarios elixibles
Poderán acollerse a estas axudas as sociedades mercantís privadas, cooperativas e sociedades agrarias de transformación (SAT) que desenvolvan unha actividade industrial en España. As actividades elixibles inclúen a elaboración, produción ou transformación de alimentos, fabricación de bebidas e outras.
Os investimentos e gastos financiables serán os realizados desde o día seguinte á presentación da solicitude ata o 31 de marzo de 2027, con posibilidade de prórrogas. Tanto a data oficial de apertura de solicitudes como os canais de presentación daranse a coñecer na páxina oficial do PERTE proximamente e espérase que se publiquen despois do verán.
Co lanzamento do PERTE Agroalimentario II, o Goberno reafirma o seu compromiso coa innovación e a sustentabilidade nun dos sectores máis estratéxicos para a economía española e busca repetir o éxito da primeira edición que chegou a adxudicar 182 millóns de euros.
Desde o Departamento de Innovación e Proxectos Nacionais de FEUGA podemos asesorarte. Se necesitas axuda para presentar o teu proxecto nesta segunda convocatoria do PERTE Agroalimentario, contáctanos.