VITICAST (Solucións innovadoras para a predición de enfermidades fúnxicas) publicou dous vídeos técnicos do proxecto. Un xeito dinámico e próximo de coñecer o traballo co que os membros do proxecto buscan achegar solucións innovadoras ao cultivo da vide coas que facer da viticultura unha actividade máis sostible.
Para reducir o uso excesivo de produtos fitosanitarios e evitar así os problemas ambientais e económicos dos devanditos produtos, VITICAST propón realizar tratamentos fitosanitarios a través do control integral do viñedo. Unha enfermidade só ten lugar se ocorren tres circunstancias ao mesmo tempo (o coñecido como triángulo da enfermidade): condicións meteorolóxicas adecuadas para a proliferación do fungo, unha fase fenolóxica da vide na que sexa vulnerable e a presenza do patóxeno na viña. Se non se cumpre algunha destas tres condicións, non será necesaria a aplicación de tratamentos fitosanitarios. VITICAST desenvolveu un modelo de predición de enfermidades fúnxicas que avalia estes tres parámetros, permitindo aplicar o tratamento só cando existe un risco real e obxectivo de enfermidade.
No primeiro dos vídeos, “Detección de esporas na viña e influencia do cambio climático”, Javier Rajo, da Universidade de Vigo, e Vicente Abete, de Bodegas Hacienda Monasterio, explican o funcionamento dos colectores aerobiolóxicos instalados en cada parcela. Estes instrumentos permiten recoller as esporas presentes na viña, o que permite coñecer a presenza de fungos fitopatóxenos no medio e anticipar posibles infeccións. Ademais, levouse a cabo un estudo sobre a influencia do cambio climático na vide, un cultivo coñecido pola súa alta sensibilidade.
Pola súa banda, Débora Franco (Monet Tecnoloxía e Innovación) e Carlos Alberte (Viña Costeira) explican no vídeo “Desenvolvemento de modelos de predición de enfermidades fúnxicas na vide” os modelos de predición desenvolvidos por VITICAST: maduración do mildiu oospora e posterior primaria e secundaria infeccións, os modelos xerados para o oídio e o modelo de predición de esporas.
Os dous vídeos técnicos están dispoñibles nas seguintes ligazóns:
Vídeo técnico GO VITICAST: detección de esporas na viña e influencia do cambio climático
Vídeo técnico GO VITICAST: desenvolvemento de modelos de predición de enfermidades fúnxicas no viñedo
Neste proxecto de innovación participan FEUGA, Monet Tecnología e Innovación, a Universidade de Vigo, a Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA, Deputación de Pontevedra) e as adegas Hacienda Monasterio, Viña Costeira e Matarromera.
Máis información sobre VITICAST na súa páxina web: www.viticast.es
VITICAST é un proxecto de innovación cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) é a autoridade encargada da aplicación das devanditas axudas. Presuposto total do proxecto: 615.249,08€. Subvención total: 599.957,08€.
FEUGA é a entidade responsable do presente contido.