Dispoñible o vídeo divulgativo do Grupo Operativo VITICAST

16/07/2021

O Grupo Operativo VITICAST, que busca desenvolver solucións innovadoras para a predición de enfermidades fúnxicas na vide,  publicou recentemente o vídeo divulgativo do proxecto.

O vídeo explica, a través das intervencións de todos os membros do consorcio, as actividades que dende 2019 se están a desenvolver co obxectivo de deseñar un modelo de predición das principais enfermidades fúnxicas da vide (oídio, mildiu e botrite). Este modelo propociona diariamente o risco de infección para cada enfermidade a partir dos parámetros meteorolóxicos, fenolóxicos y de concentración de esporas medidos a pé de parcela. Con elo, VITICAST desenvolveu unha ferramenta que permite optimizar o uso de fitosanitarios, empregándoos unicamente cando existe un risco real e obxectivo de infección, o que posibilitará reducir as graves perdas económicas do sector vitivinícola como consecuencia destas enfermidades, así como obter un produto de maior calidade mediante unha viticultura máis sostible.

Actualmente, a esta ferramenta de aviso estánselle incorporando os datos meteorolóxicos, fenolóxicos e de concentración de esporas da campaña 2021, o que permitirá aumentar a precisión dos avisos de risco.

O Grupo Operativo VITICAST está integrado por Monet Viticultura, FEUGA, a Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA, Deputación de Pontevedra), a Universidade de Vigo e as bodegas Hacienda Monasterio, Matarromera e Viña Costeira.

Toda a información sobre o proxecto de innovación, dispoñible na web: https://viticast.es/

VITICAST é un proxecto de innovación cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020. Orzamento total: 615.249,08 eur; subvención total: 599.957,08 eur.