Seminario en liña dos proxectos PLASMOWINE e REGAVID

14/06/2023

O vindeiro martes 4 de xullo, ás 10h, celebrarase un seminario en liña gratuíto sobre estratexias innovadoras para a xestión sostible dos recursos nos viñedos. Na xornada presentaranse os Grupos Operativos galegos PLASMOWINE e REGAVID, nos que participamos, cuxos contextos se enmarcan dentro desta temática. Representantes das entidades participantes en ambos os proxectos explicarán os traballos que están a realizar para cumprir cos obxectivos propostos.

O Grupo Operativo galego PLASMOWINE busca desenvolver un sistema de axuda á toma de decisións que permita determinar o momento óptimo para a aplicación de tratamentos fitosanitarios contra o mildiu, enfermade da vide causada por un oomiceto que compromete seriamente a produción e calidade dos viños. Deste xeito, o proxecto pretende minimizar a afección desta enfermidade nos viñedos galegos, apostando por unha viticultura de calidade, rendible, sostible e respectuosa co medio ambiente. 

Doutra banda, dentro das condicións de cambio climático onde se observa unha tendencia á baixa nas precipitacións, o Grupo Operativo galego REGAVID pretende implementar unha ferramenta que permita modelizar as necesidades hídricas reais do viñedo e predicir os requirimentos de rega a futuro. 


No marco das actividades de divulgación dos proxectos, organízase este webinar de presentación en liña gratuíto que servirá como punto de partida para dar a coñecer os proxectos entre os distintos axentes do sector e público en xeral. Nesta xornada, as empresas que conforman os Grupos Operativos galegos expoñerán os obxectivos e actividades a desenvolver nos proxectos de innovación. Así mesmo, comentarán, de primeira man, o papel de cada unha das empresas e o impacto positivo que PLASMOWINE e REGAVID terán no sector vitivinícola.


O webinar contará cos relatorios de representantes das diferentes entidades galegas que participan en ambos os proxectos. Para o proxecto PLASMOWINE participaremos xunto con Monet Viticultura, a Universidade de Vigo, a Estación Fitopatolóxica Areeiro da Deputación de Pontevedra, e a adega Viña Costeira. Pola súa banda, para o proxecto REGAVID participaremos xunto con Monet Viticultura, a Universidade de Santiago de Compostela, e a adega Martín Códax.

  • Cando: martes, 4 de xullo, ás 10h. 
  • Onde: en liña, vía Teams. 
  • Duración: 3h. 
  • Podes inscribirche aquí

Financiados polas axudas para a execución da Asociación Europea de Innovación (AEI), cofinanciadas nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao cal lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais no ámbito rural, e engloba as competencias en materia de agricultura, gandería, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais. 

Presuposto total REGAVID: 180.000,00€ (100% subvencionado)  

Presuposto total PLASMOWINE: 179.999,95€ (100% subvencionado) 

Os Grupos Operativos PLASMOWINE e REGAVID son responsables deste contido.