Iniciado no 2019, o Grupo Operativo VARROAFORM, liderado por FEUGA, busca desenvolver unha formulación eficaz para o control e a prevención da varroatosis en abella doméstica. A varroatosis, provocada polo ácaro Varroa destructor, é unha das enfermidades que máis preocupa aos apicultores, xa que pode provocar a morte de ata o 100% das abellas dunha colmea.
No marco das actividades de divulgación, VARROAFORM publicou un novo vídeo técnico do proxecto centrado nos ensaios de campo que actualmente están a levar a cabo os apicultores participantes no proxecto. Da man de Patricia Combarros, Veterinaria apícola e colaboradora con VARROAFORM, explícanse as actividades e técnicas realizadas nos devanditos ensaios, cos que se busca coñecer as características en canto a eficacia acaricida, inocuidade sobre as abellas, facilidade de aplicación, influencia do clima, etc., das formulacións desenvolvidas.
Ademais de FEUGA, no proxecto participan a Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidade das Palmas de Gran Canaria (ULPGC) e os apicultores Agustín Arias, Benigno Basteiro e Urbano González.
VARROAFORM é un proxecto de innovación cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) é a autoridade encargada da aplicación das devanditas axudas. Presuposto total do proxecto: 395.920,30€. Subvención total: 379.920,30€.
FEUGA é a entidade responsable do presente contido.