FEUGA súmase á New European Bauhaus de Galicia

13/07/2021

FEUGA suma o seu apoio ao convenio da New European Bauhaus de Galicia, que ten como partner oficial ao SERGAS na nosa comunidade, sendo un dos catorce representantes españois do proxecto. O obxectivo, que o sector saúde actúe como eixo vertebrador da transformación cultural baseada na sustentabilidade, a inclusión e a estética. Esta iniciativa interdisciplinar elaborada pola Comisión Europea, está deseñada para transformar en máis sostible con maior valor social a nosa contorna e contribuír ao cumprimento do Pacto Verde Europeo.

O proxecto que quere impulsar o SERGAS ten como título “O sector saúde como eixo vertebrador da transformación cultural baseada na sustentabilidade, a inclusión e a estética”. Para logralo, conta cos seguintes colaboradores: Agrupación industrial de Saúde de Galicia (CSG), Agrupación industrial da Madeira e o Deseño de Galicia (CMD), Axencia Galega da Industria Forestal (XERA), Axencia Galega de Innovación (GAIN), Instituto Galego de Vivenda e Chan (IGVS), Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), Universidade da Coruña co Campus de sustentabilidade, Universidade de Santiago de Compostela co grupo  CRETUS, Universidade de Vigo co Green Campus e o grupo de investigación  CS1 Comunicación social, Fundación Juana de Vega, Escola de  Paisajismo de Galicia, Fundación de Relacións Laborais da Coruña (ERLAC) e a Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA).

A firma do convenio de colaboración, presidida polo vicepresidente segundo e o conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, contou tamén coa participación do titular de Sanidade, Julio García Comesaña; a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez; e o conselleiro do Medio Rural, José González Vázquez.