FEUGA e IPMWORKS estarán presentes en Demoviña 2024: Avances na Viticultura Sostible

10/07/2024

A Fundación Empresa-Universidade Galega patrocinará o evento de demostración de maquinaria agrícola Demoviña 2024, en colaboración co proxecto IPMWORKS. A cita terá lugar o 24 de xullo na adega Terras do Cigarrón, da DO Monterrei, e consolidouse como un escaparate nacional fundamental para a demostración de maquinaria agrícola en campo. FEUGA contará cun stand no evento, no que os asistentes poderán coñecer os diferentes Proxectos nos que FEUGA participa, tanto a nivel europeo como nacional.

A Fundación estará presente no evento da man de IPMWORKS, un proxecto financiado polo programa Horizonte 2020 que promove o uso de técnicas alternativas aos praguicidas químicos na agricultura mediante demostracións prácticas e a divulgación de resultados. O evento brindará aos viticultores do HUB e de toda Galicia unha nova oportunidade de coñecer tecnoloxías innovadoras para optimizar os seus labores e aplicacións, ademais de compartir coñecementos con outros profesionais do sector que comparten o obxectivo de avanzar cara a unha viticultura máis sostible económica e ambientalmente.

Outros proxectos de viticultura que estarán presentes son PLASMOWINE e REGAVID, ambos financiados polas axudas para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. PLASMOWINE, liderado por Monet Tecnoloxía e Innovación e coa participación da Estación Fitopatolóxica Areeiro (Deputación de Pontevedra), Viña Costeira, FEUGA e a Universidade de Vigo, busca desenvolver un sistema de apoio á toma de decisións que determine o momento óptimo para a aplicación dos tratamentos contra o mildio da vide a partir da conta de esporas e da análise de parámetros meteorolóxicos, agronómicos (manejo) e observacións do estado do cultivo. Pola súa banda, REGAVID, liderado tamén pola empresa Monet Viticultura e coa participación de Bodegas Martín Códax, o grupo de investigación de Proxectos e Planificación (PROEPLA) da Universidade de Santiago de Compostela e FEUGA, está a desenvolver un modelo deseñado para axudar aos viticultores galegos a tomar decisións informadas sobre cando e canto regar, considerando diversas variables como as propiedades do solo, a variedade de uva e as condicións climáticas previstas.

Programa do Evento

  • 9:30 hInauguración: Benvida por parte de representantes de Grupo Campo Comunicación, Bodegas Martín Códax, o Concello de Monterrei e Agromillora – VCR.
  • 10:00 hRelatorio: Beneficios das cubertas vexetais en viñedo. Implantación e manexo.
  • 10:20 hMesa Debate: Situación do viñedo en Galicia: presente e futuro. Participación de expertos en viticultura e representantes do sector agroalimentario.
  • 11:10 hClausura da Xornada e Inicio das Demostracións en Campo: Palabras de clausura por parte de representantes de Bodegas Martín Códax, Xunta de Galicia e Banco Santander.
  • 11:30 – 17:00 hDemostracións en Campo: Presentación das principais marcas de maquinaria agrícola como John Deere, Pasquali, New Holland, Industrias David, Landini e Fendt.

A asistencia a este evento é gratuíta previa inscrición en: https://xn--demovia-9za.es/

Un evento imprescindible para a Viticultura

Demoviña 2024, organizado por Revista Campo xunto con Agromillora-VCR e o grupo Martín Códax, é unha oportunidade para que os profesionais da viticultura compartan experiencias e coñecementos sobre os grandes retos do sector, desde a sanidade vexetal ata os desafíos do cambio climático. Temas como a cuberta vexetal, a fixación de nitróxeno e carbono, e a pulverización adaptada ás características do viñedo galego serán discutidos amplamente.

O sector vitivinícola, presente en 150 municipios galegos, achega máis do 1,4% do PIB de Galicia e axuda a manter un 1,5% do emprego na comunidade. Galicia, con 219.356 viticultores que representan o 39,9% do total nacional, é a comunidade autónoma co maior número de viticultores segundo datos do estudo sobre ‘A Importancia Económica e Social do Sector Vitivinícola en Galicia’ elaborado pola Interprofesional do Viño de España (OIVE).

FEUGA convida a todos os interesados a visitar o seu stand en Demoviña 2024 para coñecer máis sobre os proxectos europeos que promoven unha viticultura sostible e eficiente.