O proxecto piloto GREENCASTANEA, no que participamos, celebra o seu evento final na sede de Hifas Foresta, Pontevedra, o vindeiro xoves 1 de xuño, ás 10:00h. Representantes das cinco empresas galegas participantes explicarán os traballos e resultados obtidos na produción de castaño micorrizado mediante cultivo in vitro con Boletus edulis. Ademais, os asistentes presenciais poderán gozar dunha visita guiada polas instalacións e viveiros de Hifas Foresta.
GREENCASTANEA xurdiu en 2021 co obxectivo de implementar un sistema novo, eficiente e sostible para mellorar a rendibilidade do “souto” tradicional galego. Para conseguir isto, aplicáronse técnicas biotecnolóxicas como o cultivo in vitro, a micorrización, a termohidroterapia ou a selección clonal e identificación molecular, entre outras. Esta iniciativa pioneira sitúa a Galicia á vangarda da innovación, constituíndo un ecosistema autóctono, axudando á prevención de incendios e mantendo viva a contorna rural.
A xornada contará cos relatorios de representantes das cinco entidades que integran o proxecto, Hifas Foresta, a Universidade de Vigo, IXP Castaña de Galicia, Soutos Sativa. María José Lubián, do departamento de Innovación e Proxectos Nacionais, será a encargada da presentación de GREENCASTANEA en representación da nosa sede. Explicarán como conseguiron levar a cabo os obxectivos e que resultados obtiveron tras a aplicación das técnicas biotecnolóxicas. Terminados os relatorios, as persoas que asistan de maneira presencial poderán gozar dunha visita demostrativa polas instalacións de Hifas Foresta, onde se explicarán algunhas das actividades relacionadas co proxecto, así como diferentes sistemas de produción de plantas de castiñeiro e cultivo de fungos empregados pola empresa.
- Cando: xoves, 1 de xuño, ás 10h.
- Onde: Presencial en Hifas Foresta, Pontevedra, e online, vía Teams.
- Duración: 3 horas
- Inscripcións gratuitas: aquí
Podes consultar o programa do evento aquí
GREENCASTANEA está financiado pola convocatoria de axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao que lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais no ámbito rural e engloba as competencias en materia de agricultura, gandería, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes e prevención e defensa dos incendios forestais.