O vindeiro xoves 19 de maio, ás 10h a través de Teams, celebrarase unha mesa redonda que xirará en torno a como está afectando a guerra en Ucraína á gandería galega. O evento, organizado no marco das actividades de divulgación do proxecto PROTEINLEG, do que FEUGA é representante, contará ca participación dalgunhas das principais empresas e asociacións do tecido gandeiro galego.
A guerra en Ucraína está devastando o pais e poñendo contra as cordas ao conxunto da UE. A gandería galega non é inmune a isto: xa nunha situación delicada como consecuencia dos anos de incerteza derivados da pandemia, o inicio da guerra en Ucraína coincidiu co momento no que o sector recuperaba a normalidade, tensionando e poñendo nunha situación de extrema gravidade á gandería.
Coñecido como o hórreo de Europa, Ucraína é o gran exportador da UE de numerosos cultivos que son base para o funcionamento do sector agroalimentario europeo. Co estoupido da guerra, cortouse este subministro, o que xerou unha enorme crise de abastecemento no sector gandeiro, que viu seriamente comprometido o subministro de pensos para o gando, co risco que supón para os animais e para a viabilidade das explotacións.
Nesta xornada, que se celebrará online e totalmente de balde, falarase de como afectou e está a afectar esta profunda crise internacional á gandería galega e ao subministro de pensos. Ademais, abordaranse posibles solucións que permitan mitigar esta situación, así como debater como pode fortalecerse o sector gandeiro galego. Na mesa redonda participarán Almacenes Gamallo, o Centro Tecnolóxico da Carne, FEUGA e as asociacións AGACA e ASOPORCEL.
A xornada está organizada polo Grupo Operativo PROTEINLEG, un proxecto de innovación entre cuxos obxectivos está, precisamente, reducir a dependencia da gandería galega das importacións. Para elo, PROTEINLEG aposta polo cultivo sostible, innovador e de cercanía das variedades tradicionais de legumes ricas en proteínas cas que elaborar pensos que satisfagan as necesidades nutricionais dos animais. No evento tamén se realizará, a cargo de FEUGA, unha presentación do proxecto.
PROTEINLEG é unha iniciativa de carácter supra-autonómico (Galicia, Andalucía, A Rioxa e Madrid), na que participan, ademais de FEUGA, Almacenes Gamallo, Centro Tecnolóxico da Carne, a Misión Biolóxica de Galicia (dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas, MBG-CSIC), Semillas Ramiro Arnedo e MIMIC SeaFood.
Cando: xoves, 19 de maio, ás 10h.
Onde: evento online, a través de Teams.
Duración: 1h 15min
Inscrición de balde: https://proteinleg.es/charlai/
PROTEINLEG é un proxecto de innovación cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea en un 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) é a autoridade encargada da aplicación das devanditas axudas. Presuposto total do proxecto: 556.947,36€; subvención total: 552.147,36€.
O Grupo Operativo PROTEINLEG é responsable do presente contido.