A Xunta e FEUGA impulsan a FP Dual a través de bolsas de formación para o alumnado

17/02/2022

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o noso director xeral, Francisco Javier Pereiro, veñen de asinar o acordo para seguir levando a cabo proxectos de FP Dual mediante convenios coas empresas colaboradoras a través dun réxime de axudas para o alumnado que opte a esta modalidade formativa tanto no grao básico coma no medio e no superior.

Así pois, dáse continuidade ao marco establecido como unha das opcións para que as empresas que colaboren coa Xunta na implantación desta modalidade da Formación Profesional poidan optar, como medio de compensar economicamente a parte de formación en empresa que realice o alumnado, por este réxime de bolsas ou por subscribir directamente cos estudantes contratos para a formación e a aprendizaxe.

Nova Estratexia de FP 2030

Esta colaboración enmárcase dentro da aposta estratéxica da Xunta de Galicia pola Formación Profesional, unhas ensinanzas que acadan uns índices de empregabilidade de preto do 85%, porcentaxe que se eleva case ao 97% no caso da modalidade Dual.

Ademais, o Goberno galego vén de aprobar a Estratexia de Formación Profesional de Galicia 2030, a folla de ruta dos próximos anos para estas ensinanzas que contempla un investimento de 900M€ ata 2024 co fin de consolidar a Rede de Centros Integrados de FP de excelencia, fortalecer a personalización da formación, impulsar a internacionalización e avanzar na especialización, a innovación e na dixitalización.

Nesta liña, prestarase unha especial atención ao rural, promovendo unha oferta adaptada ás súas particularidades, así como impulsarase o deseño de accións que dean respostas ás necesidades do tecido empresarial galego e fomentarase o emprendemento da mocidade.

Procedemento

Como xa se leva facendo nos últimos anos, os alumnos que reciban a compensación como bolsas de FEUGA tamén serán dados de alta no réxime da Seguridade Social e, ao igual que aqueles casos nas que as empresas se fagan cargo da bolsa ou do contrato, recibirán un importe fixado en proporción ao tempo de formación en empresa efectivo que realicen. Polo tanto, neste caso é FEUGA quen se encarga de xestionar os pagamentos das  becas aos estudantes.