Comezan as xornadas presenciais da campaña do FIREPOCTEP

29/03/2022

Dentro do proxecto FIREPOCTEP, e en coordinación coa Universidade de Córdoba, FEUGA está a implementar unha campaña de sensibilización sobre Grandes Incendios Forestais en Galicia, “Avívate con FIREPOCTEP, por un monte sen incendios”.


A campaña está dirixida a 10 concellos galegos, elixidos tras un traballo de análise baseada no fundamento e ferramentas científicas, asegurando que entre eles houbese municipios catalogados como Zonas de Alto Risco, municipios transfronteirizos e distintas categorías de espazos naturais protexidos, entre outros.
Durante o mes de marzo concentráronse a maior parte das xornadas telemáticas de co-creación directa cos representantes de cada concello, coincidindo en data co segundo pico de incendios máis alto do ano segundo o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (PLADIGA).


Nestas xornadas reuníronse Almudena Xusto e Lucía Braña, en representación de FEUGA, e Luz Eyo, técnica da campaña, cos diferentes representantes de cada un dos municipios seleccionados para falar da situación concreta de cada concello con respecto aos incendios e poder adaptar da forma máis efectiva os contidos da campaña de sensibilización.


Desta maneira levaron a cabo reunións con Manuel Meizoso, alcalde da Capela, Luís Milia Méndez, alcalde de Carballeda de Avia coa concelleira de Ordenación Forestal Noemi Alonso e a enxeñeira técnica agrícola Roxana Cutillas, Luciano Rivero, alcalde de Cualedro, Ana Villarino, alcaldesa de Oímbra e a técnica de desenvolvemento local Marisa Santiago, Carmen Yáñez, alcaldesa de Lobios, Leticia Rocha, concelleira de Ponte Caldelas, Óscar González, 2º tenente alcalde das Neves, María Sampedro, tenente alcalde de Ribeira e a técnica de normalización Alicia Padín, e Óscar Doral, técnico forestal de Cervantes.


Tras as reunións púidose comprobar que as realidades de cada concello son moi diferentes, tanto en equipamento que faga fronte aos incendios unha vez producidos e para a súa prevención, como nas dificultades que se atopan ou non á hora de contratar brigadistas.


Unha vez analizado o feedback recibido tras as xornadas de co-creación e elixido o público ao que se dirixirán as xornadas presenciais, xa se fixaron as primeiras datas ao longo do mes de abril e maio para a realización das mesmas. A campaña será moi diversa xa que os perfís tamén o son, contando con xornadas con escolares de primaria, adultos e familias.


As novidades na campaña de sensibilización iranse actualizando na web de FEUGA, en firepoctep.eu e no perfil de Twitter do proxecto.