Os viticultores galegos interésanse pola redución do uso de fitosanitarios

12/04/2022

Máis de 50 viticultores participaron no primeiro evento de demostración do proxecto europeo IPMWorks organizado por FEUGA.


O 1 de abril FEUGA celebrou, no marco do proxecto IPMWORKS, o primeiro evento de demostración que respondía á pregunta “Como predicir enfermidades fúngicas no viñedo?”. Tivo lugar no Viñedo de San Cibrao, de Viña Costeira, en Ribadavia.


Débora Franco, Directora Xeral de Monet Viticultura, foi a encargada de explicar sobre o terreo aos participantes as diferentes solucións innovadoras que poden utilizar para a predición de enfermidades fúnxicas no viñedo, a través da innovación no manexo de enfermidades fúngicas de maior incidencia ( mildiu, oídio e botritis).


A xornada abordou os beneficios do uso dun sistema de apoio á toma de decisións que permita coñecer o risco de enfermidade no viñedo. Todo aliñado cos criterios de IPM: prevención, control non químico, mellores prácticas para optimizar a eficacia dos praguicidas, baixa dependencia dos praguicidas cun mellor control das pragas, redución dos custos e maior rendibilidade.

A xornada tiña por obxectivo reducir a incerteza propia da agricultura en canto a pragas, optimizar o uso de fitosanitarios utilizándoos só nos casos de risco real, previr a enfermidade, reducir a diminución da colleita cando esta aparece e xustificar a aplicación de fitosanitarios fronte á Administración Pública.

O encontro tamén serviu para intercambio de boas prácticas entre os agricultores participantes, que sobre o terreo compararon as prácticas que levan a cabo para o coidado do viñedo.