ACTUALIDADE

14-06-21

Dispoñible o vídeo resumen da Xornada Presencial Demostrativa de VITICAST, organizada por FEUGA e EFA

O pasado 27 de maio, FEUGA organizou, xunto coa Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA, Deputación de Pontevedra), unha Xornada Presencial Demostrativa no marco das actividades de divulgación do proxecto VITICAST, do que ambos son membros. VITICAST é un Grupo Operativo de carácter  supra-autonómico que busca reducir o uso de fitosanitarios en viticultura mediante o desenvolvemento de solucións innovadoras para a predición de enfermidades  fúngicas en vide.

O proxecto, aprobado en 2019, finalizará a mediados deste ano, polo que esta xornada foi o escaparate perfecto para dar a coñecer os últimos resultados alcanzados por VITICAST, e explicar a todos os asistentes as actividades que permitiron reducir o uso de fitosanitarios de carácter preventivo un 40%.

A xornada foi punto de encontro para adegas, viticultores, centros de investigación, administracións públicas e público en xeral, co interese común de mellorar as prácticas sostibles en viticultura, obxectivo último de VITICAST.

O vídeo resumen da xornada está dispoñible na canle de Youtube de FEUGA, e mostras as distintas intervencións dos relatores, que incluíron a membros de VITICAST, que expuxeron as actividades realizadas ao longo do proxecto así como os últimos resultados alcanzados; e intervencións da Plataforma Tecnolóxica do Viño (PTV) e de Administracións Públicas de Catalunya e Galicia relacionadas con Sanidade Vexetal. Ademais, móstrase a visita de campo realizada a unha das parcelas experimentais do proxecto, que permitiu mostrar os traballos de campo e o manexo das estacións meteorolóxicas e captadores de esporas para a recollida de datos.

O vídeo está dispoñible na seguinte ligazón: https://youtu.be/ojTrCb4EqIQ

Ademais, o medio local Canle Rías Baixas 7, realizou unha reportaxe do evento, con entrevistas a algúns protagonistas, que está dispoñible en:  https://www.youtube.com/watch?v= THdBU-- Z2 Dg

Toda a información sobre o proxecto VITICAST está dispoñible na súa web:  https:// viticast.es/

VITICAST é un proxecto de innovación cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020. Orzamento total do proxecto: 615.249,08 eur, Subvención total: 599.957,08 eur.

Compárteo

Últimas novas