O proxecto piloto BIOPROINSECT, cuxo obxectivo é a obtención de novos produtos de alto valor engadido a través do bioprocesamento de insectos, publica os seus primeiros materiais de difusión.
Liderado pola empresa galega GALINSECT, BIOPROINSECT é un proxecto piloto que xorde da necesidade de diversificar as fontes de proteína de alto valor nutritivo. Desenvolverase un innovador proceso enzimático, comparable a unha biorrefinería, que permitirá obter, do verme da fariña (T. molitor), tres produtos de alto valor engadido: proteínas de alta calidade e alta dixestibilidade, derivados da quitina e ácidos graxos.
Iniciado a mediados de 2021, BIOPROINSECT está integrado por un equipo multidisciplinar no que, ademais de GALINSECT, participan a Universidade de Vigo (a través do Grupo de Biotecnoloxía Industrial e Enxeñaría Ambiental, BiotecnIA) e FEUGA, entidade responsable do plan de divulgación.
BIOPROINSECT é unha iniciativa pioneira a nivel galego e nacional. É por este motivo que, as actividades de difusión, lideradas por FEUGA, teñen un peso especialmente relevante para a transferencia do coñecemento xerado ao sector agroalimentario. No marco destas actividades, BIOPROINSECT publica o tríptico e a infografía do proxecto, uns materiais que permitirán a axentes da cadea de valora agroalimentaria e público en xeral coñecer a iniciativa.
No caso da infografía, esta recolle, dunha maneira esquemática e visual, o plan de traballo do proxecto. Desta forma, búscase que o lector reciba unha visión global das accións que serán executadas en BIOPROINSECT. Pola súa parte, o tríptico profundiza en maior medida na explicación do proxecto, describindo con maior detalle tanto os obxectivos marcados como os resultados esperados, amén doutros aspectos.
Cabe destacar que ambos materiais están dispoñibles en galego, español e inglés, para maximizar o alcance xeográfico dos mesmos e o impacto das solucións a desenvolver por BIOPROINSECT. Tanto a infografía coma o tríptico, están dispoñibles para a súa descarga na presente noticia.
BIOPROINSECT está financiado pola convocatoria de axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Presuposto total: 181.468,56€; subvención total: 145.174,85€.
A Consellería de Medio Rural é o órgano da Administración galega ao que lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais no ámbito rural e engloba as competencias en materia de agricultura, gandería, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes e prevención e defensa dos incendios forestais.