O Grupo Operativo MICOALGA-FEED, do que FEUGA é representante, organiza, no marco do plan de divulgación do proxecto, a primeira das charlas con axentes do sector. Esta charla está centrada nun dos eixos do proxecto: as microalgas e, concretamente, nas súas aplicacións e potencial como fertilizante en agricultura.
- Cando: xoves, 9 de xuño, ás 10a.m.
- Onde: a través de Teams (enviarase enlace previa inscrición).
- Duración: 1h.
- Inscricións de balde: https://forms.gle/HitHgCzBdRRC5gCWA
Para elo a xornada contará ca participación de David Suárez, membro do departamento de produción de Neoalgae, empresa asturiana líder no cultivo de microalgas e que tamén participa no proxecto MICOALGA-FEED. Expoñeranse as vantaxes e beneficios do uso de microalgas en agricultura a través de varios casos de éxito de proxectos executados ou en execución por Neoalgae, centrados precisamente en explorar vías de aplicación e uso das microalgas como fertilizantes. E é que as microalgas, obxecto de estudo en numerosos proxectos de innovación de diversos ámbitos, aportan grandes beneficios ás plantas ao actuar como bioestimulantes, aumentando o crecemento das plantas e a calidade dos froitos. Ademais, aportan un efecto protector fronte a parasitos e enfermidades fúnxicas.
Por outro lado, a charla tamén contará ca participación de Ángel Sanabria, de FEUGA, quen expoñerá ante o público asistente o proxecto de innovación MICOALGA-FEED. Este proxecto, do que FEUGA é representante e líder nas actividades de divulgación, explora outra das aplicacións das microalgas, neste caso en gandería. O proxecto está a estudar diferentes variedades de microalgas para avaliar a súa capacidade inmunomoduladora e antimicrobiana. O obxectivo destes estudos é identificar aquelas que posúan unha maior capacidade para ser incorporadas como ingrediente funcional a novas formulacións de pensos para gando avícola. Desta maneira, búscase mellorar o benestar animal a través da alimentación, o que redundará nun mellor estado de saúde das aves e, en consecuencia, nunha menor necesidade de medicamentos e tratamentos.
MICOALGA-FEED é un proxecto de innovación cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) é a autoridade encargada da aplicación das devanditas axudas. Presuposto total do proxecto: 524.847,66€. Subvención total: 505.519,66€.
FEUGA é a entidade responsable do presente contido.