ACTUALIDADE

11-01-22

Xa están dispoñibles a infografía e o folleto do proxecto de innovación MICOALGA-FEED, do que FEUGA é representante

O Grupo Operativo MICOALGA-FEED, do que FEUGA é a entidade representante, xa publicou os seus primeiros materiais de difusión: a infografía e o folleto do proxecto. Con estes materiais, búscase dar a coñecer o proxecto de innovación entre os axentes da cadea de valor agroalimentaria e o público en xeral.

A iniciativa, na que participan, ademais de FEUGA, Grupo Uvesa, Neoalgae e Hifas Veterinary, ten como principal obxectivo a redución de antibióticos en avicultura a través dunha alimentación natural baseada no uso de fungos e microalgas. Cimentado na iniciativa “One Health” da Organización Mundial da Saúde (OMS), MICOALGA-FEED desenvolverá novas formulacións de pensos que, enriquecidas cos fungos e microalgas seleccionados, fortalezan o sistema inmunitario das aves e beneficien a flora intestinal saprófita.

A infografía plasma a idea detrás de MICOALGA-FEED dunha maneira breve e directa, facendo énfase nos obxectivos e resultados esperados do proxecto, así como o contexto no que xorde a iniciativa. Pola súa parte, o folleto afonda neses mesmos puntos, dando unha visión máis global e detallada do proxecto de innovación. En conxunto, son unha excelente maneira de familiarizarse cun proxecto que, aprobado na segunda metade de 2021, encóntrase aínda na súa fase inicial.

Ambos materiais están dispoñibles tanto en español coma en inglés, e pódense descargar nas seguintes ligazóns:

Máis información sobre MICOALGA-FEED nas súas RRSS (LinkedIn, Twitter e Facebook).

MICOALGA-FEED é un proxecto de innovación cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) é a autoridade encargada da aplicación das devanditas axudas. Orzamento total do proxecto: 524.847,66€. Subvención total: 505.519,66€.

O Grupo Operativo MICOALGA-FEED é o organismo responsable do presente contido.

Compárteo

Últimas novas