FEUGA reforza a súa aposta pola tecnoloxía agroalimentaria desde a súa sede en Bruxelas

29/06/2021

A tecnoloxía aplicada á industria agroalimentaria é unha das grandes áreas de innovación que se impulsan desde Europa e que pretenden corrixir déficits e mellorar competitividade e sustentabilidade no sector. Así FEUGA, (Fundación Empresa–Universidade Galega) desde a súa sede en Bruxelas, decidiu reforzar o seu traballo nesta área de especialización co obxectivo de tender pontes entre a universidade, a comunidade investigadora e as empresas en Galicia, achegando oportunidades a través os programas de fondos da UE e os axentes internacionais. A oficina da Fundación en Bruxelas, con Karan Novo como cara visible, pon o foco en proxectos de calado internacional para atraer fondos europeos a Galicia que repercutan de forma directa sobre a industria autonómica e estatal.

Nunha rexión como Galicia, na que o sector primario, agroalimentario e o da gastronomía teñen un peso transcendental no PIB, FEUGA ofrece ao tecido empresarial a posibilidade de conectar desde Bruxelas con iniciativas de investigación e cooperación financiadas con fondos do novo programa Horizonte Europa.

FEUGA participou nos últimos meses nalgúns de casos de éxito en proxectos  Agro Food Tech tanto de ámbito nacional e internacional, con 10 proxectos tan diversos como  VITICAST, de ámbito  supra autonómico, centrado en reducir no uso de fitosanitarios na produción vitivinícola;  SoilDiveragro, que desenvolve novas prácticas e sistemas de cultivo para a mellora da biodiversidade xenética e funcional do chan;  VINIoT que aborda a dixitalización das empresas vitivinícolas; ou  ROADMAP que promove a redución do uso de antibióticos en animais.

Fundación Empresa-Universidade Galega, transferencia tecnolóxica e do coñecemento

FEUGA, a través das súas áreas de Proxectos Nacionais e Europeos, desenvolveu liñas de traballo vinculadas co deseño de estratexias de innovación que abordan toda a cadea de valor da I+D+i, o fomento do diálogo entre os actores da cuádrupla hélice (academia, industria, administración pública e cidadanía) e o enfoque sistémico que cobre os aspectos técnicos, organizativos e socio-económicos que inflúen nos procesos de innovación.

Entre os seus obxectivos principais busca contribuír a mellorar as capacidades empresariais, aplicar nas empresas os coñecementos e tecnoloxías dispoñibles nas universidades e mellorar a formación e cualificación dos recursos humanos.