A Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA) pon en marcha a sétima edición do Campus NeoDiadhema de Capacitación en Diátesis Hemorrágica. Dirixido pola Dra. M.ª Fernanda López Fernández, Xefe do Servizo de Hematoloxía e Transfusión, C. H.U.A. C. (A Coruña), o Campus conta coa asesoría científica de Dr. Francisco Javier Batlle Fonrodona (Serv. de Hematoloxía e Transfusión, C. H.U.A. C.).
Dividido en 5 cursos e 24 capítulos (38 créditos de formación continuada en edicións anteriores) que poderán realizarse de forma conxunta ou por separado, o campus pretende formar aos especialistas en hematoloxía, hemoterapia, pediatría, medicina de urxencias, anestesia ou medicina intensiva para que poidan enfocar de forma adecuada o diagnóstico e tratamento destas patoloxías.
A diátesis hemorrágica constitúe un problema clínico moi relevante polo seu gran impacto na actividade asistencial diaria, así como polo elevado custo do seu tratamento. Actualmente en hemostasia experimentáronse grandes melloras, avanzándose no desenvolvemento de novos fármacos e produtos recombinantes, o que proporciona mellores recursos que deben empregarse de forma adecuada debido ao seu alto custo e os posibles efectos secundarios do seu uso inadecuado.
A formación non só se centra nas coagulopatías e trombocitopatías hereditarias, senón que aborda os procesos hemorrágicos adquiridos -frecuentes na práctica- e aqueles menos frecuentes, xa que ambos requiren un amplo coñecemento da hemostasia, un correcto diagnóstico, e o uso do fármaco máis adecuado a cada caso.
Os cursos que engloba o Campus en liña NeoDiadhema son os seguintes:
1. Principios básicos do sistema hemostático. Achegamento clínico e biolóxico ao paciente con diátesis hemorrágica. Do 22/09/2021 ao 09/11/2021. Consulta aquí máis detalles.
2. Diagnóstico e tratamento das desordes hereditarias e adquiridas das plaquetas. Do 30/09/2021 ao 18/01/2022. Proximamente máis detalles.
3. Diagnóstico, e achegamentos terapéuticos da hemofilia A e B. Complicacións da hemofilia. Outras coagulopatías hereditarias. Do 01/12/2021 ao 15/03/2022. Proximamente máis detalles.
4. A enfermidade de von Willebrand. Do 01/02/2022 ao 20/04/2022. Proximamente máis detalles.
5. Desordes hemostáticos adquiridos. Hemorraxia crítica. Do 01/03/2022 ao 14/06/2022. Proximamente máis detalles.
Os cursos que aquí se imparten, contan cun profesorado seleccionado en base á súa experiencia no campo e ao seu prestixio recoñecido, ostentando moitos deles cargos de responsabilidade nas Unidades de Hemostasia e Tromboses e mesmo dos Servizos de Hematoloxía de hospitais máis relevantes do noso país.
O Campus conta co aval científico da Sociedade Española de Trombose e Hemostasia (SETH) e a Sociedade Española de Hematoloxía e Hemoterapia (SEHH) e a Asociación Galega de Hematoloxia i Hemoterapia (AGHH).
Os cursos diríxense a:
– Médicos adxuntos novos de hematoloxía e hemoterapia, pediatras, medicina de urxencias, anestesistas e intensivistas, entre outros.
– Profesionais destas especialidades con varios anos de exercicio profesional, que se dedicaron a outras áreas da súa especialidade e estean interesados en realizar formación médica continuada en hemostasia.
Por tanto, os requisitos de admisión son os seguintes:
– Ser licenciado en Medicina e Cirurxía especialista polo sistema MIR, ou equivalente, en calquera das especialidades citadas. Os médicos en período de residencia poden realizar o curso, pero non recibirán a acreditación de créditos.
– Ter coñecementos de inglés a nivel de estrutura de textos médicos.
A organización deste campus non fose posible sen o inestimable patrocinio das empresas Amgen, Bayer, Roche, Takeda, LFB Bioterapias Hispania e Werfen.
FEUGA terá ademais o apoio da empresa Lapisoft Projects SL exercendo labores de secretaría técnica e de xestión e mantemento da plataforma de formación en liña.
A inscrición dos alumnos pode realizarse a través desta web e calquera dúbida respecto será atendida no email neodiadhema@feuga.es, ou en www.neodiadhema.com.