FEUGA acolle a reunión do proxecto MORPHO, que busca impulsar un sector aeronáutico máis sostible

11/10/2021

O proxecto europeo MORPHO traballa na optimización de compoñentes do motor dos avións mediante a incorporación de tecnoloxías de sensores impresos e de fibra óptica, para dotalos de capacidades cognitivas no momento da súa fabricación. Durante dous días, 6 e 7 de outubro, FEUGA serviu de anfitrión ao consorcio, reunido para definir como avanzar nas súas diferentes misións.

Para entender o contexto da investigación neste proxecto, os álabes (unha das pezas fundamentais do motor dunha aeronave) están deseñados e fabricados cun material híbrido. O seu núcleo está construído cun composto tecido de forma tridimensional, mentres que o bordo de ataque é de titanio.

O equipo do proxecto desenvolverá e probará os elementos básicos da tecnoloxía nun demostrador denominado panel de danos por obxectos estraños (FOD, polas súas siglas en inglés). Os danos por obxectos estraños son unha das principais causas de fallo en aviación, e noutras contornas propensas aos danos causados por residuos de desgaste ou obxectos soltos.

O panel FOD de MORPHO representa a corda dun álabe, é dicir, a anchura do álabe desde o bordo de ataque (ou dianteiro) ata o bordo de saída (ou traseiro), a unha altura determinada. O obxectivo principal deste panel é probar o deseño dos álabes antes da súa fabricación para minimizar os riscos.

O consorcio traballará ademais no desenvolvemento de modelos xemelgos dixitais/híbridos para mellorar a xestión do ciclo de vida de FOD. Ao longo do proxecto, desenvolveranse demostradores para analizar e validar os métodos e as ferramentas propostos.

Reciclaxe de material

Para esta nova xeración de compoñentes, MORPHO busca garantir métodos de fabricación, mantemento e reciclaxe eficientes, rendibles e respectuosos co medio ambiente, en liña co novo Plan de Acción para a Economía Circular da Unión Europea. Outra prioridade é a reciclaxe respectuosa co medio ambiente dos compoñentes máis caros. Neste sentido o obxectivo do proxecto é elaborar unha metodoloxía que combine dous procesos innovadores: o desmonte inducido por láser e a tecnoloxía de pirolisis para a reciclaxe óptima das pezas ao final da súa vida útil.

Equipo MORPHO

O proxecto, coordinado pola École nationale supérieure d’arts et métiers (Francia), reúne a fabricantes de equipos aeronáuticos e desarrolladores de «software» e sistemas de sensores, así como a empresas de tecnoloxía de reciclaxe e de control de procesos intelixentes, universidades e organizacións de investigación de seis países europeos. O consorcio conta ademais cun comité consultivo externo internacional, incorporando capacidades e coñecementos especializados que representan o tipo de organizacións que o proxecto pretende involucrar. Nesta reunión, con FEUGA como anfitrión, contouse coa participación de Sthephane Delalande, en representación de Stellantis, e Elena Martín, profesora titular de enxeñería aeronáutica da Universidade de Vigo.