FEUGA participa no proxecto de innovación TIRAC

09/09/2021

A redución do emprego de antibióticos é o principal reto ao que se enfronta o sector cunícola na actualidade, e é moi probable que a falta de solucións aboque a grandes problemas ao sector. Neste contexto TIRAC, un proxecto levado a cabo por un Grupo Operativo de carácter supra-autonómico, abarcando as rexións de Galicia, Madrid e Navarra, buscará técnicas innovadoras no campo da nutrición de coellos de cebo que permitan a redución do uso de medicamentos fronte a problemas dixestivos, asegurando a súa saúde e a rendibilidade para o gandeiro. A iniciativa conta cun financiamento de preto de medio millón de euros do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020.

Así, o obxectivo de TIRAC é estudar diversas estratexias nutricionais centradas nunha formulación en pensos cun baixo nivel de proteína e un moderado nivel de fibra soluble, xunto coa incorporación de macroalgas e/ou extractos de algas. De forma paralela, preténdese conseguir unha carne de mellor calidade cun perfil lipídico cardiosaludable, un maior contido mineral e potencial antioxidante, e valorizar o sector de produción de algas.

Participan como membros do proxecto De  Heus Nutrición Animal S.A, representante do Grupo Operativo; Fundación Empresa-Universidade galega ( FEUGA); Porto- Muiños S.L.; Universidade de Santiago de Compostela (USC) a través dos Grupos de Investigación en Medicina animal, Anatomía Patolóxica Veterinaria, Investigación en  Sanidade Animal- INVESAGA e Hixiene, Inspección e Control de Alimentos e Universidade Politécnica de Madrid ( UPM), a través do Grupo de Investigación ‘Produción Animal ( PRAN). Por outra banda, colaboran Criadores de Coello de Naraba Sociedade Cooperativa; PROGACUN-Asociación de produtores de coellos de Galicia e GRANXA J.  ECHEGOYEN S.L.U.

Este proxecto de innovación está cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020. Orzamento total: 492.580,38 €. Subvención: 485.043,58 €.

+ información: https://ec.europa.eu/agriculture/index_es.htm

O Grupo Operativo TIRAC é a entidade responsable do presente contido.