FEUGA participa no proxecto europeo GEroNIMO, centrado en lograr a sustentabilidade na cría de aves e porcos

03/08/2021

Cun orzamento de sete millóns de euros e unha duración de cinco anos, GEroNIMO é un novo proxecto do programa europeo H2020 que ten como obxectivo avanzar cara a unha selección gandeira que se adapte mellor ás necesidades locais, tendo en conta a sustentabilidade. Para facer fronte a unha poboación humana en crecemento, limitacións ambientais e valores socioculturais cambiantes, a cría de gando debe ir cara a un modelo máis sostible garantindo a produción. Este obxectivo pódese lograr promovendo un uso eficiente dos recursos, mellorando a saúde e o benestar dos animais e asegurando a preservación da diversidade xenética.

Cos recentes desenvolvementos das tecnoloxías “ómicas” (xenómica, epigenómica, transcriptómica, etc.), agora é posible avaliar a relevancia para enriquecer os modelos de selección con factores de herdanza non xenéticos. Así, GEroNIMO centrarase en pitos e porcos, que son as fontes de proteína animal máis utilizadas no mundo, para proporcionar aos criadores novos coñecementos e ferramentas para promover métodos innovadores de selección baseados no xenoma e o epigenoma para trazos relacionados coa produción (cantidade e calidade), eficiencia, lonxevidade produtiva, fertilidade, resiliencia e benestar.

FEUGA lidera o enfoque multi-actor do proxecto facilitando a participación activa das partes interesadas asegurando o seu compromiso desde o inicio do proxecto, así como na transferencia de ferramentas, coñecementos e recomendacións ás audiencias e os responsables da toma de decisións pertinentes. A creación dunha comunidade de stakeholders, apoiada polos líderes nacionais do proxecto, asegurará a participación dos diferentes perfís nas diversas actividades a desenvolver. FEUGA tamén será a responsable da explotación dos resultados do proxecto, asesorando aos socios nas fórmulas máis adecuadas de protección en función das características de cada un deles.

Desde as primeiras fases do proxecto, este consorcio de múltiples actores colaborará estreitamente para identificar as necesidades e as limitacións das partes interesadas, así como as pancas máis importantes para avanzar cara ás estratexias de cría ” ómicas” en monogástricos.

Liderado polo INRAE, O Instituto Nacional para a Investigación Agronómica francés, GEroNIMO conta con 21 socios procedentes de 11 países europeos entre os que se atopan as principais empresas de cría europeas con vínculos directos con toda a cadea de produción, asesores técnicos en estreita relación cos criadores e asociacións de criadores e organismos públicos de investigación ou universidades.