ACTUALIDADE

21-07-21

FEUGA, xunto a dezanove socios, pon en marcha 4 proxectos de innovación de ámbito nacional

A Fundación Empresa Universidade Galega (FEUGA) é representante de tres proxectos de ámbito nacional, e participa nun cuarto, denominados AVIENERGY, PROTEINLEG, MICOALGA-FEED e TIRAC, que teñen como obxectivo principal aplicar a innovación á produtividade e a sustentabilidade agrícola.  As iniciativas suman un investimento de máis de dous millóns de euros e desenvólvense por grupos operativos supraautonómicos da Asociación Europea para a Innovación en materia de produtividade e sustentabilidade agrícolas (AEI- Agri). Os traballos oriéntanse ao desenvolvemento da economía circular no sector avícola, a redución do uso de antibióticos en gandería e á obtención de proteínas alimentarias de alta calidade a partir de cultivos de leguminosas. A estas iniciativas destínanse algo máis de 2.150.000 euros ata 2023 e están financiados no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020, a través do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).

AVIENERGY centra o obxectivo na valorización das dexeccións xeradas nas explotacións avícolas para a obtención dunha fonte de enerxía renovable e de fertilizantes e compoñentes para o aproveitamento dos nutrientes en chan. A aplicación da economía circular mellorará a competitividade e o impacto ambiental do sector promovendo o uso máis eficiente dos recursos.  FEUGA é o representante deste Grupo Operativo no que participan Energylab,  Demaux Manufacture S.L., Granxa José Antonio García Blanco, o Consello Superior de Investigacións Científicas (Centro de Edafoloxía e Bioloxía Aplicada do Segura), Avícola O  Charcón S.L., Alimentos do Mediterráneo  S. Coop. e a Universidade de Vigo. O proxecto dispón dun orzamento de 583.672 euros.

O Grupo Operativo PROTEINLEG centrará os seus traballos no desenvolvemento de fontes de alimentos ricos en proteínas vexetais innovadoras, rendibles e eficientes no uso dos recursos, a partir de cultivos de leguminosas en gran e mediante o emprego de métodos de produción e procesamento optimizados e sostibles.  PROTEINLEIG aposta pola mellora da produtividade de novas variedades de leguminosas en terras agrícolas menos produtivas e o deseño de novos produtos alimenticios como alternativa ás fontes de proteína de orixe animal e de soia.  FEUGA é a representante do proxecto no que participan tamén como socios Ramiro Arnedo S.A., Almacéns  Gamallo S.L.,  MIMIC  SeaFood S.L., o Consello Superior de Investigacións Científicas (Misión Biolóxica de Galicia) e a Fundación Centro  Tecnolóxico da Carne. O orzamento alcanza un total de 556.947 euros.

A terceira iniciativa liderada por FEUGA é MICOALGA-FEED, que traballará na redución de antibióticos a través dunha alimentación natural baseada no uso de fungos e microalgas. Participan tamén como socios Hifas Veterinary S.L., Neoalga Micro Seaweed Products S.L. e  UVE S.A.. O proxecto xorde da necesidade de buscar alternativas innovadoras ao uso de antibióticos en gandería e para iso traballarase no deseño de novos pensos suplementados con fungos e microalgas que favorezan o benestar animal e produzan alimentos máis sostibles. O proxecto ten un orzamento de 524.847 euros.

Finalmente, a Fundación Empresa Universidade Galega participa nun proxecto denominado TIRAC que ten como obxectivo a redución de antibióticos fronte a problemas dixestivos nos coellos de cebo asegurando a súa saúde e rendibilidade para o gandeiro. A proposta trata de achegar solucións ao sector para favorecer as oportunidades de negocio a través da rentabilización do uso das algas mariñas ou a diminución das emisións de hidróxeno.  TIRAC está liderado por De Heus Nutrición Animal SAU e participan, ademais de FEUGA, Porto- Muiños S.L., Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade Politécnica de Madrid. O orzamento é de 492.580 euros.

Compárteo

Últimas novas