Evento final do proxecto galego BIOPROINSECT

14/07/2023


O vindeiro xoves 6 de xullo, ás 10h, celebrarase o evento final gratuíto sobre o proxecto BIOPROINSECT no campus Auga de Ourense. Representantes das tres empresas galegas participantes, entre elas nosa sede, explicarán os traballos que se realizaron para obter do verme da fariña produtos de alto valor engadido. Contaremos tamén coa presenza de Helena Peres, profesora e investigadora no Centro Interdisciplinar de Investigación Mariña e Ambiental (CIIMAR). Por último, os asistentes presenciais poderán gozar dunha mostraxe dos insectos e unha visita guiada polas instalacións do laboratorio do grupo BiotecnIA, da Universidade de Vigo.

BIOPROINSECT xurdiu en 2021 cun obxectivo moi claro, a obtención de novos produtos de alto valor engadido a través do bioprocesamiento de insectos. Nos últimos anos incrementouse a demanda de alimentos de alto valor nutritivo, pero necesítase poñer o punto de mira en novas fontes de proteínas para poder satisfacer a demanda. Por iso, o proxecto BIOPROINSECT desenvolveu un innovador proceso encimático que permite extraer do verme da fariña, insecto con ata 50% de contido en proteínas e baixo impacto ambiental, derivados da quitina, proteínas de alta calidade e ácidos graxos. 

Esta xornada contará cos relatorios de representantes das tres entidades galegas que conforman o proxecto, entre elas nosa sede xunto con Galinsect e o grupo BiotecnIA da Universidade de Vigo, quen explicará en detalle como se desenvolveu este novo proceso encimático e cal é a súa viabilidade e potencial de fronte ao futuro. Unha iniciativa pioneira que busca situar a Galicia á vangarda da innovación no sector agroalimentario. Na xornada participará Helena Peres, profesora e investigadora do CIIMAR, que expoñerá diferentes aplicacións da fariña de insecto en acuicultura. Os asistentes presenciais, unha vez terminadas os relatorios, poderán gozar dunha visita guiada polas instalacións do laboratorio do grupo BiotecnIA, onde se mostrarán as diferentes tecnoloxías desenvolvidas dentro do marco do proxecto BIOPROINSECT.

  • Cando: xoves 6 de xullo. 
  • Onde: Campus Auga (Ourense) e en liña (vía Teams). 
  • Duración: 10:00 – 13:00 
  • Asistencia gratuíta previa inscrición aquí

BIOPROINSECT está financiado pola convocatoria de axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao que lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais no ámbito rural e engloba as competencias en materia de agricultura, gandería, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes e prevención e defensa dos incendios forestais. O proxecto piloto BIOPROINSECT é responsbale deste contido.

Orzamento total: 181.468,56€; subvención total: 145.174,85€.