Dispoñible o material de divulgación do Grupo Operativo REGAVID

15/09/2023

O proxecto galego REGAVID xorde en 2022 co obxectivo de implementar unha ferramenta para a xestión da rega que permita avaliar as necesidades hídricas actuais do viñedo e predicir requirimentos de rega a futuro.

O traballo vai estar coordinado desde un equipo multidisciplinar formado por especialistas en viticultura, hidráulica e hidroloxía e tecnoloxías aplicadas ao sector primario. Liderado pola empresa privada Monet Tecnoloxía e Innovación SL, no que participamos xunto á Universidade de Santiago de Compostela e Adegas Martín Códax.

A ferramenta proposta en REGAVID incorporará os datos medidos polas estacións meteorolóxicas e os datos de humidade do chan obtidos a través de sensores instalados na parcela experimental. As medidas proporcionadas polos sensores de humidade do chan se correlacionarán cos datos de contido de auga en chan obtidos periodicamente mediante sondas TDR. Esta correlación permitirá caracterizar os sensores de humidade de chan usados de forma máis habitual nos viñedos galegos.

Para facer chegar ao público os obxectivos propostos e resultados alcanzados desta iniciativa, son fundamentais as actividades de difusión que lideramos. No marco das actividades propostas, REGAVID publica o tríptico, a infografía e o audiovisual de animación orientados ao público obxectivo como son os viticultores e cooperativas, empresas, investigadores, técnicos, administración e ao público en xeral.

A infografía do proxecto recolle dunha maneira esquemática cal é o problema detectado polo proxecto e como o equipo multidisciplinar formado en REGAVID busca darlle solución. Por outra banda, o tríptico profunda máis na explicación do proxecto, describindo con maior detalle os obxectivos marcados, os resultados esperados e as actividades que se van a levar a cabo, entre outros aspectos. Por último, o audiovisual de animación recolle un resumo dos fitos principais do proxecto REGAVID, presentados dunha maneira máis visual.

Cabe destacar que tanto o tríptico como a infografía están dispoñibles en castelán, galego e inglés para maximizar o alcance xeográfico dos mesmos e o impacto das solucións para desenvolver por REGAVID.

Accede ao tríptico aquí.

Accede á infografía aquí.

Bota unha ollada ao vídeo resumen de REGAVID.

REGAVID está financiado polas axudas para a execución de grupos operativos da Asociación Europea de Innovación (AEI), cofinanciadas nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao cal lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais no ámbito rural, e engloba as competencias en materia de agricultura, gandería, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais.

Orzamento total: 180.000,00€ Subvención: 180.000,00€ Cofinanciamento UE: 75% FEADER