Galicia conta cun elevado potencial de produción micolóxica nos seus piñeirais que non se alcanza na medida necesaria pola falta de coidados silvícolas para compatibilizar a produción madeireira e a micolóxica. Por iso, en 2022 creouse o grupo operativo galego Cogomelos+, que ten por obxectivo o incremento da produtividade micolóxica de sistemas forestais de piñeiro radiata, asegurando a súa compatibilidade coa produción madeireira, incluíndo nova maquinaria de roza e avaliando economicamente a alternativa de prolongación de quendas e intensificación do aproveitamento micolóxico, establecendo un modelo demostrativo de xestión micosilvícola. Ademais, achegaranse directrices de ordenación forestal considerando a produtividade micolóxica.
O traballo vaise coordinar desde un equipo multidisciplinar formado por especialistas do sector agroforestal. Este equipo está liderado pola empresa privada Servitec Medioambiente, no que participamos xunto á Universidade de Santiago de Compostela. Ademais, colabora a comunidade propietaria do Monte Veciñal en Man Común de Begonte.
Para facer chegar os obxectivos propostos e resultados alcanzados desta iniciativa ao público, son fundamentais os labores de difusión que lideramos. No marco das actividades propostas, Cogomelos+ publica o tríptico, a infografía e o audiovisual de animación orientados ao sector agroforestal galego como son as comunidades de montes, propietarios forestais, empresas de servizos forestais, administración, empresas de transformación de cogomelos e ao público en xeral.
A infografía recolle dunha maneira esquemática cal é o problema detectado polo proxecto e como o equipo multidisciplinar formado en Cogomelos+ busca darlle solución. Por outra banda, o tríptico profundiza máis na explicación do proxecto, describindo con maior detalle os obxectivos marcados, os resultados esperados e as actividades que se van a levar a cabo, entre outros aspectos. Por último, o audiovisual de animación conforma un resumo dos fitos principais do proxecto Cogomelos+, presentados dunha maneira máis visual.
Cabe destacar que tanto o tríptico como a infografía están dispoñibles en castelán, galego e inglés para maximizar o alcance xeográfico dos mesmos e o impacto das solucións para desenvolver por Cogomelos+.
Bota unha ollada ao tríptico aquí
Bota unha ollada á infografía aquí
Non te perdas o video resumen de Cogomelos+
Cogomelos+ está financiado polas axudas para a execución de grupos operativos da Asociación Europea de Innovación (AEI), cofinanciadas nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao cal lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais no ámbito rural, e engloba as competencias en materia de agricultura, gandería, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais.
Orzamento total: 179.999,95€ Subvención: 179.999,95€ Cofinanciamento UE: 75% FEADER