O obxectivo fundamental da xornada “Hidróxeno e Industria. Análise da situación actual e perspectiva de futuro”, impulsada por Seminario Seveso e na que colaboramos, é dar a coñecer e debater a situación actual e futura da aplicación do hidróxeno na industria a diferentes niveis, e, en especial, no referente a normativa; seguridade e análise de escenarios de accidentes; tecnoloxías; solucións de control e instrumentación e desenvolvemento de proxectos de hidróxeno.
A cita, que terá lugar o vindeiro luns 30 de outubro na nosa sede de Santiago de Compostela, está dirixida a empresas dos sectores de produción, subministración, loxística e proceso con hidróxeno; consultoras especializadas; pemes interesadas no desenvolvemento de proxectos de hidróxeno e asociacións e colectivos que operen neste ámbito. Intervirán representantes de entidades empresariais especializadas como BEQUINOR; a consultora de seguridade DEKRA; as empresas tecnolóxicas AXENS e EMERSON e os consultores especializados en proxectos de hidróxeno AtlantHy.
Sobre Seminario Seveso
Seminario Seveso está conformado por un conxunto de actividades sen ánimo de lucro orientadas á difusión de coñecemento en materia de riscos, desenvolvementos de estratexias integradas de xestión de riscos e emerxencias, e ao establecemento de relacións entre os axentes implicados, incluída a sociedade.
Nace en 2007 co obxectivo de crear un foro de debate e un medio de difusión de coñecemento e cultura da seguridade, aberto aos profesionais da seguridade industrial, seguridade laboral e xestión de emerxencias, no marco da Directiva Seveso, Regulamento REACH, ATEX e a lexislación en materia de riscos laborais, autoprotección e plans de emerxencia. É tamén un foro de intercambio de información e unha plataforma de apoio ao desenvolvemento industrial, en xeral, e ao desenvolvemento industrial en Galicia en particular.