O Grupo Operativo Cogomelos+ celebra a segunda xornada demostrativa no monte veciñal de mancomún de Serragorda, en Begonte, Lugo, o vindeiro sábado 11 de novembro ás 10:00h. Na xornada falarase sobre diversidade e identificación de cogomelos silvestres mentres se explican os últimos resultados obtidos no proxecto de innovación.
Para acudir ao evento haberá dous posibles saídas en autobús ata o monte de Serragorda. A primeira parada realizarase na Escola Politécnica Superior de Lugo ás 9:00h. A continuación, partirase cara a Begonte, onde se recollerá, na praza do concello, aos asistentes que decidan ir en coche. Por último, estímase chegar á área forestal sobre as 10:00h para dar comezo á xornada demostrativa.
O Grupo Operativo Cogomelos+ xurdiu en 2022 buscando incrementar a produtividade micolóxica dos montes galegos dado que, a diferenza doutras comunidades autónomas, hai unha gran porcentaxe que está desaproveitado, entre outros motivos, pola falta de coidados silvícolas para compatibilizar a produción madeireira e micolóxica. Para iso, o proxecto Cogomelos+ quere introducir tecnoloxías de xestión innovadoras co obxectivo de conseguir os máximos rendementos económicos dos piñeirais de Galicia, tanto madeireiros como micolóxicos, pero primando a sustentabilidade do recurso e o mantemento da biodiversidade micolóxica.
A sesión consistirá nun roteiro pola contorna forestal de Baamonde onde se impartirá aos asistentes nocións básicas para a identificación de cogomelos e a descrición das especies atopadas. Ademais, detallaranse as liñas xerais de xestión de piñeirais polas empresas de servizos forestais e comentaranse os aspectos máis significativos da lexislación autónoma sobre aproveitamentos micolóxicos. Contaremos coa presenza e intervención de representantes das tres entidades que integran o proxecto, no que participamos xunto a Servitec Medio e a Universidade de Santiago de Compostela.
- Cando: sábado 11 de novembro, ás 9:30 h
- Onde: Lugo
- Duración: 3 horas e media
- Consulta o programa completo aquí
- Inscripcións gratuitas aquí
- Saída en bus desde Lugo (9:00 h): 27002, Campus Universitario, Lugo
- Encontro en Begonte e saída en bus (9:30 h): edificio del concello de Begonte, Lugo
Cogomelos+ está financiado polas axudas para a execución de grupos operativos da Asociación Europea de Innovación (AEI) cofinanciadas nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao cal lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais no ámbito rural, e engloba as competencias en materia de agricultura, gandería, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industriais, agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais.
Orzamento total: 179.996,95€ ; Subvención: 179.996,95€ ; Cofinanciamento UE: 75% FEADER