Participamos en catro novos proxectos de innovación para impulsar a sustentabilidade dos sectores agro e forestal en Galicia

28/12/2023

Entre os novos grupos operativos aprobados a través das axudas para a execución de proxectos innovadores da Asociación Europea da Innovación (AEI), co fin de impulsar a innovación, a competitividade e a sustentabilidade nos sectores agroalimentario e forestal de Galicia, conseguimos financiamento para a posta en marcha de 4 proxectos de innovación de grupos operativos de carácter autonómico, nos que nos encargaremos de transferir o coñecemento e promover a implementación das solucións e resultados que se esperan deles. Estas iniciativas inclúen a obtención de plantacións de cultivos de calidade reforzadas fronte a estrés, a valorización integral dos montes galegos a través da Certificación da Cadea de Custodia, a mellora da fertilidade do chan mediante un sistema intelixente de aplicación de xurros e a revalorización do soro de quesería para a elaboración dunha nova gama de produtos alimentarios.

Un dos grandes desafíos na actualidade é conseguir unha produción agrícola sostible para mitigar o cambio climático. Ante esta problemática nace o Grupo Operativo BIO_MARTERRA, cuxo obxectivo principal é demostrar o efecto beneficioso dos bioestimulantes, elaborados a partir de extractos de algas mariñas da costa galega, fronte a situacións de estrés abiótico e biótico en distintos cultivos de interese. No proxecto participamos xunto a PORTOMUIÑOS SL, o grupo de investigación VIOR da Misión Biolóxica de Galicia (MBG-CSIC), a unidade de Xestión de residuos e fertilización do grupo de Agronomía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Avelino Santana García e, como membros cooperantes, o Centro de Investigacións Agrarias Mabegondo (CIAM-Agacal) e Horta da Lousa, cun orzamento total de 179.634,83 €.

No marco da mellora continua do monte galego sitúase o Grupo Operativo Multi-Forest. O proxecto busca promover a multifuncionalidade dos montes a través da diversificación e compatibilización dos seus aproveitamentos para revalorizar o sector rural galego, revitalizando zonas pouco produtivas e ofrecendo alternativas viables e diversas. O proxecto conta cun orzamento de 179.980,81€ e impulsámolo xunto á Mancomunidade de Montes de Baroña, a Asociación Galega Promotora da Certificación Forestal (PEFC Galicia) e a Universidade de Vigo.

Deseñar e avaliar un sistema intelixente de control e documentación dixital de aplicación de xurros para o seu uso como fertilizantes será o obxectivo principal do Grupo Operativo PURINPRECISO. O proxecto vaise levar a cabo por un equipo multidisciplinar do que formamos parte xunto a Talleres Carruxo SL, os grupos de I+D+i BioModem, Visión Artificial e Arquitectura de Computadores da USC, SAT As Pandas, así como o CIAM-Agacal como entidade cooperante, e conta cun orzamento total de 180.000,00€.

Por último, o Grupo Operativo SUEROVAL ten como finalidade deseñar unha nova gama de produtos alimentarios a partir da valorización de soro lácteo de quesería, mediante o emprego dun deshidratador solar de pegada de carbono case nula, en combinación con fariña de castaña. O proxecto ten un orzamento de 179.340,00€ e integrámolo xunto a Queixos Castelo de Brañas SL, o Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), Trasdeza Natur S Coop Galega, Amarelante e o Grupo de Aplicacións Enerxéticas Sostibles da USC como entidade cooperante.

Estes proxectos están financiados a través das axudas para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da AEI, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Plan estratéxico da política agraria común (PEPAC) 2023-2027. A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao cal lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais no ámbito rural e engloba as competencias en materia de agricultura, gandería, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industrias agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais.