FEUGA participa no proxecto piloto GREENCASTANEA

19/10/2021

Modernizar o cultivo do castiñeiro a través da biotecnoloxía e a multiprodución é o obxectivo principal de GREENCASTANEA. Un novo proxecto centrado na innovación no sector agroalimentario co que FEUGA continúa a afianzar o seu papel como dinamizador das actividades de divulgación e comunicación no ámbito do I+D+i. GRENCASTANEA contará cun presuposto de case 190.000€ e financiación europea e autonómica, e terá unha duración de dous anos.

En Galicia, así coma en outros territorios, os castiñeiros constitúen ecosistemas autóctonos, aportando gran riqueza e biodiversidade á paisaxe tradicional. Ademais, son un dos cultivos economicamente máis rendibles. Sen embargo, os métodos tradicionais de produción de castiñeiro enxertado son pouco eficientes e non permiten cubrir a demanda actual. Polo tanto, é fundamental acadar sistemas rendibles es sostibles que permitan unha maior produción da planta, de maior calidade e garantindo a súa sanidade.

GREENCASTANEA busca modernizar o cultivo do castiñeiro a través da implantación dunha cámara de cultivo innovadora para o crecemento e aclimatación de clons híbridos de castiñeiro obtidos in vitro, que serán enxertados con variedades tradicionais IXP (Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia). A obtención destas variedades realizarase por parte de produtores profesionais do sector mediante unha selección intravarietal baseada nas características superiores demostradas no campo (produtividade, tamaño, resistencia a enfermidades,…).

Por outra banda, co fin de mellorar a rendibilidade do souto a través da multifuncionalidade, antes do seu paso a maceta os castiñeiros serán micorrizados con Boletus edulis, que serán producidos mediante un novidoso sistema de cultivo en biorreactor. Ademais, incorporarase un sistema de termohidroterapia para desinfectar o material vexetal empregado no enxerto, garantindo a ausencia da avespilla do castiñeiro, unha praga de gran incidencia actualmente, e outros problemas fitosanitarios. Por último, nunha plantación experimental demostrativa, avaliaranse as características e o rendemento dos castiñeiros obtidos.

Desta maneira, GREENCASTANEA aposta pola micofruticultura e a diversificación do sector agroforestal, un enfoque que permitirá xestionar unha produción eficiente, flexible e de calidade de castañas e setas, dous produtos de gran valor económico. En definitiva, coidar o autóctono e manter vivo o entorno rural.

O proxecto, que finalizará en xullo de 2023, está liderado pola empresa galega Hifas da Terra e nel, ademais de FEUGA, participan a Universidade de Vigo (co Grupo Agrobiotech For Health), a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia e a empresa Soutos Sativa S.L.

GREENCASTANEA está financiado pola convocatoria de axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías no ámbito agroforestal, cofinanciadas nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER), no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Presuposto total: 187.774,91€; subvención total: 150.000,00€.