“Da idea ao mercado: impulsando o emprendemento rural a través da innovación” é o título do evento que terá lugar o día 20 de xuño en Santiago de Compostela, na nosa sede de Santiago de Compostela. A cita enmárcase entre as actividades do proxecto europeo InnovationGUIDE, dentro da convocatoria European Innovation Ecosystem, que persegue a interacción dos ecosistemas de innovación e emprendemento de España, Turquía, Países Baixos e Malta.
A cita estará destinada a reunir a diversos representantes da cuádruple hélice interesados en aportar coñecemento e contribuír á análise de potenciais barreiras e oportunidades do emprendemento rural en sectores cruciais como a agricultura, o turismo sostible, a bioeconomía e a economía azul.
En Galicia contamos cun ecosistema rural que contribúe ao crecemento económico e desenvolvemento local. A súa riqueza agrícola, gandeira e pesqueira enfróntase a desafíos significativos, subliñando a necesidade urxente de solucións innovadoras para impulsar o tecido industrial. Do mesmo xeito, Galicia é un dos principais destinos turísticos de España, con gran potencial de crecemento no turismo sostible rural.
Non só será, por tanto, unha ocasión para conectar cos principais actores do sector, incluíndo emprendedores, ONGs, expertos académicos e organismos públicos, senón que tamén será un espazo para inspirarse con exemplos reais de boas prácticas, discutir necesidades que servirán de base para transmitir solucións innovadoras aos desafíos que enfronta o emprendemento rural en Europa.
Ao ser parte de InnovationGUIDE, os participantes entrarán nunha rede internacional que integra a diversos actores que enfrontan retos semellantes, accederán a información sobre oportunidades de financiamento, boas prácticas en igualdade de xénero e información sobre as actividades do proxecto. Para formar parte da rede stakeholders o acceso é a través do enlace: https://bit.ly/3TIZc3u.
Ademais, InnovationGUIDE está comprometido en establecer unha Asamblea de Innovación Interrexional, conectando con ecosistemas de innovación en Turquía, Países Baixos e Malta, cunha visión a longo prazo para mellorar o crecemento económico nas áreas rurais. Estas sinerxias permitirán desenvolver novas ideas, produtos e servizos que aborden os retos e oportunidades locais no emprendemento rural.
Ligazón de inscrición para participar na xornada: https://bit.ly/4aOOAa7
SOBRE INNOVATIONGUIDE
Financiado pola Unión Europea, InnovationGUIDE busca impulsar o emprendemento en zonas rurais na agricultura, bioeconomía, pesca e turismo sostible, permitindo a emprendedores e startups aproveitar para atraer novos inversores, reforzar os mercados financeiros e promover un crecemento económico sostible e integrador.
O proxecto está integrado pola Asamblea de Exportadores Turcos (TIM), Universidade de Maastricht, Fundación Empresa-Universidade Gallega (FEUGA), Malta College of Arts Science and Technology (MCAST), Asociación de Emprendedores Sociais de Malta (SEAM) e StartupCentrum.