DROVI patenta un biodisolvente a base de aceite de xirasol, coa axuda de FEUGA

24/02/2022

A empresa galega DROVI (Drogas Vigo S.L.), en colaboración con FEUGA, en concreto co equipo de asesoramento en I+D do noso Departamento de Proxectos Nacionais, e o grupo de investigación de Enxeñería Química da Universidade de Vigo, dá un paso máis na creación de disolventes verdes de base bio. A compañía, con sede no Porriño (Pontevedra), rexistrou a patente dunha nova formulación destes produtos baseada en derivados do aceite de xirasol, resultado do proxecto NewBiosol, cofinanciado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), que se desenvolveu nas instalacións da compañía.

A base do novo produto supón unha importante innovación fronte ás investigacións realizadas ata o de agora pola comunidade científica. Estas baseábanse nos ésteres metílicos do aceite de soia, unha materia prima abundante en lugares como Arxentina pero escasa no noso país. Por tanto, parte da innovación tecnolóxica reside precisamente na formulación e síntese destes novos produtos a partir do aceite obtido desta especie oleaginosa, o xirasol, mesturado con outras substancias naturais. Trátase dun composto sostible e que evita a dependencia dos mercados internacionais. Ademais, poténcianse as materias primas renovables en liña cos intereses europeos en materia de medio ambiente, fronte aos disolventes industriais convencionais que proveñen maioritariamente do petróleo.  Isto supón vantaxes, tanto desde o punto de vista ambiental, como á hora de minimizar os riscos para a saúde. Así mesmo, evita a dependencia de combustibles fósiles, máis contaminantes. Todo isto sen prexudicar a súa efectividade, xa que o proxecto NewBioSol probou que os biodisolventes teñen unha eficacia equiparable aos compostos pertroquímicos.

O proxecto desenvolvido por DROVI contribúe tamén a fomentar a economía circular, xa que permite recuperar disolventes xa utilizados para transformalos en produtos de valor engadido.

Sobre DROVI

DROVI (Drogas Vigo S.L.) é unha empresa dedicada á fabricación de mesturas de disolventes e á distribución e venda de produtos químicos, así como á prestación de servizos loxísticos e de outsourcing. Cun catálogo de produtos con máis de 1000 referencias, DROVI é líder do seu sector no noroeste de España e Portugal. Para este proxecto contou coa colaboración de FEUGA (Fundación Empresa Universidade Galega) e o equipo de investigación de Enxeñería Química da Universidade de Vigo, cuxo investigador principal é o catedrático Anxo Sánchez Bermúdez.