Casos de éxito cara a unha agricultura máis sostible, terceira charla de PROTEINLEG

26/07/2023


O Grupo Operativo PROTEINLEG organiza, o vindeiro xoves 19 de xaneiro, a súa terceira charla con axentes do sector, enmarcada dentro do plan de divulgación do proxecto. Nesta ocasión a charla está centrada en dar a coñecer iniciativas e proxectos cuxo obxectivo sexa aumentar a sustentabilidade do sector agrícola.

Para iso, a xornada, que se celebrará en liña e cuxa asistencia é totalmente gratuíta, conta coa participación de Néboda Farms e UNEF (Unión Española Fotovoltaica), dúas entidades co común obxectivo de fomentar a sustentabilidade a través da innovación.

Iván García, CEO de Néboda, dará a coñecer esta empresa que revolucionou o sector agrícola galego grazas á súa firme aposta polos cultivos verticais en hidroponía, que permiten unha produción de calidade e eficiente no uso dos recursos. Pola súa banda, Andrea Eras, Directora de Proxectos de UNEF, centrará o seu relatorio en explicar que é a tecnoloxía bioagrovoltaica, a sinerxia entre agricultura e enerxía solar fotovoltaica. Unha tecnoloxía que aposta pola produción conxunta e sostible de enerxía e alimentos, beneficiándose mutuamente.

Por outra banda, Ángel Sanabria, da Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA), entidade representante de PROTEINLEG, presentará este proxecto de innovación. Unha iniciativa que comparte o común denominador da sustentabilidade como peza angular do seu plan de traballo. Neste caso, PROTEINLEG ten como obxectivo fomentar a sustentabilidade agrícola a través da biodiversidade, apostando polo cultivo de variedades tradicionais de leguminosas como fontes de proteína para o desenvolvemento de novos produtos, tanto para alimentación animal como humana.

PROTEINLEG é un proxecto de innovación cofinanciado nun 80% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) da Unión Europea e nun 20% polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no marco do Programa Nacional de Desenvolvemento Rural 2014-2020. A Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural, Innovación e Formación Agroalimentaria (DGDRIFA) é a autoridade encargada da aplicación das devanditas axudas.


Orzamento total do proxecto: 556.240,12€, Subvención total: 551.440,12€.