O Grupo Operativo Cogomelos+ celebra unha xornada demostrativa no monte veciñal de mancomún en Serragorda, Baamonde, en Lugo, o próximo 6 de xuño, ás 10:00h. A xornada consistirá nun paseo interactivo polo piñeiral, onde se poderán observar en vivo as actividades que se están levando a cabo no proxecto de innovación e coñecer algunha das tarefas necesarias para a xestión forestal dos piñeirais, así como as principais diferenzas e condicionantes existentes nas rozas manuais e mecanizadas baixo arboledo. Ademais, representantes das tres entidades galegas participantes expoñerán os resultados que están a conseguir e as conclusións que esperan obter.
Os asistentes terán a posibilidade de chegar ao momento de encontro mediante un bus, que realizará dúas paradas antes de chegar ao monte veciñal de mancomún en Serragorda. A primeira parada será no Campus Universitario de Lugo ás 9:00 h, a continuación, farase outra parada en Baamonde ás 9:30 h. Por último, chegarase ao piñeiral ás 10:00 h para dar comezo á xornada.
Cogomelos+ xurdiu no 2022 co fin de incrementar a produtividade micolóxica dos montes veciñais en man común de Galicia. Para iso, quérese introducir tecnoloxías de xestión innovadoras que permitan obter o máximo rendemento económico, tanto madeireiro como micolóxico, pero mantendo sempre presente a sustentabilidade dos recursos e a biodiversidade do medio.
A sesión contará cos relatorios dos representantes que integran o proxecto, entre eles nosa sede e outras dúas entidades, Servitec Medioambiente e a Universidade de Santiago de Compostela. Expoñerán os obxectivos propostos e que resultados están a obter desta iniciativa innovadora. Os relatorios faranse ao longo dun roteiro polo piñeiral do monte veciñal en mancomún de Serragorda, onde se realizarán tres paradas demostrativas, correspondentes á zona de poda, á zona de roza manual e, por último, a zona de roza mecanizada.
- Cando: martes 6 de xuño, ás 10:00 h.
- Onde: Lugo.
- Duración: 3 horas e media
- Inscricións gratuítas aquí
- Saída en bus desde Lugo (9:00 h): 27002, Campus Universitario, Lugo
- Saída en bus desde Baamonde (9:30 h): 27371 Baamonde, Lugo
- Encontro en monte veciñal en mancomún de Serragorda (10:00 h): 27373 Begonte, Lugo
Cogomelos+ está financiado polas axudas para a execución de grupos operativos da Asociación Europea de Innovación (AEI) cofinanciadas nun 75% polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. A Consellería do Medio Rural é o órgano da Administración galega ao cal lle corresponde propoñer e executar as directrices xerais no ámbito rural, e engloba as competencias en materia de agricultura, gandería, desenvolvemento rural e ordenación comarcal, estruturas rurais, industriais, agroalimentarias e forestais, montes, prevención e defensa dos incendios forestais.
Orzamento total: 179.996,95€ ; Subvención: 179.996,95€ ; Cofinanciamento UE: 75% FEADER
