Feuga



A Consellería de Cultura e Educación destinará máis de 600.000 ao financiamento dun novo programa de posicionamento especializado para que as universidades galegas capten proxectos europeos de I+D+i


Román Rodríguez asinou hoxe con FEUGA un convenio de colaboración para formalizar este compromiso, a través do que se busca incrementar as colaboracións internacionais das Universidades Galegas



  

Fecha

02/06/2016

Nota de prensa da Xunta de Galicia


Desarrollo

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinará 602.201 euros para o financiamento dun novo programa de posicionamento co que se pretende que o Sistema Universitario de Galicia (SUG) capte un maior número de proxectos de I+D+i. A ferramenta será desenvolvida pola Fundación Empresa-Universidade Galega (FEUGA) e as universidades do SUG. A axuda irá destinada a subvencionar o gasto realizado pola FEUGA (presenza permanente en Bruxelas, custos de persoal, viaxes e outros, cotas de agrupacións) no marco das actividades de posicionamento que se desenvolvan.

O conselleiro, Román Rodríguez, asinou hoxe con FEUGA o convenio polo que se formaliza este acordo, en presenza dos reitores das universidades de Santiago de Compostela, Juan Viaño; A Coruña, Julio Abalde; e Vigo, Salustiano Mato; e o director xeral de FEUGA, Francisco Javier Pereiro Pérez. O programa de mellora do posicionamento internacional das Universidades Galegas ten entre os seus obxectivos incrementar a taxa de éxito na consecución de proxectos europeos para grupos ou proxectos institucionais, que agora está nun promedio do 5%; máis visibilidade e oportunidades no ámbito europeo para o SUG e para os seus grupos de investigación; un incremento das colaboracións internacionais das universidades galegas, tanto no ámbito académico como co sector industrial; e unha mellora dos resultados de investigación: máis patentes, máis publicacións, máis promoción e divulgación e máis ingresos para a nosa I+D+i.

Áreas estratéxicas

O proceso terá como base a retroalimentación continua de información entre os técnicos de FEUGA e os grupos e agrupacións de investigación do SUG. Partirase dunha definición estratéxica das áreas temáticas que habería que priorizar, tendo en conta tamén a Estratexia de Especialización Intelixente (RIIS3 Galega), estruturándoas arredor de 3 bloques temáticos: ‘Enerxía, Tecnoloxías de Información e Comunicación’, ‘Tecnoloxías de Fabricación, Procesos Industriais, Nanotecnoloxía e Materiais’; e ‘Medioambiente, Biotecnoloxía e Agroalimentación’.

A partires destas áreas a metodoloxía de traballo estará baseada en dúas areas: por unha parte o traballo cos propios grupos de investigación do SUG e, por outra as actividades de posicionamento. No primeiro dos casos afondarase na información que se dá ao persoal investigación (sobre posibilidades de financiamento, por exemplo) coa que estas persoas despois difunden sobre o seu propio traballo.

A segunda área estará centrada nas actividades de posicionamento, que se realizarán en diferentes ámbitos de actuación. Neste sentido promoverase a participación en eventos de todo tipo (transversais, tecnolóxicos, de ‘brokerage’), en agrupacións tecnolóxicas –o programa axudará ás universidades a sistematizar liñas de traballo-, en accións de lobbying e de networking.

Así mesmo promoverase un traballo coordinado cos Centros Tecnolóxicos de Galicia, coa Axencia Galega de Innovación (GAIN), e con Clusters e Empresas Galegas; co fin de despregar unha rede de intelixencia que detecte e explote oportunidades de crecemento e mellora para o SUG e, como consecuencia, para o conxunto de Galicia. Se así se considera oportuno, as accións poderán estenderse ao conxunto da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O obxectivo é dar visibilidade aos proxectos galegos nas grandes agrupacións tecnolóxicas europeas, como JTIs (Bio-BasedIndustries) ou EIPs (EuropeanInnovationPartneships).

Estratexia de especialización intelixente

Cómpre lembrar que Galicia definiu a súa Estratexia de especialización intelixente para o período 2014-2020 (Estratexia RIS3 Galicia) coa participación de tódolos axentes do Sistema galego de innovación. Este proceso responde a unha esixencia da Comisión Europea dirixida ás rexións e aos estados membros que desexen optar a fondos estruturais no período 2014-2020, de identificar as áreas de especialización susceptibles de recibir financiamento comunitario para a realización de proxectos de I+D, innovación e TIC.

O dito proceso de análise deu lugar a un inventario de capacidades do que resulta a visión estratéxica e que se estrutura ao redor de 3 retos que orientarán a definición detallada da estratexia de actuación para o período 2014-2020. Cada un dos tres retos ten prioridades asociadas, incluíndo en cada unha destas prioridades liñas de acción específicas aliñadas cos obxectivos propostos, así como unha análise da coherencia destes retos e prioridades coas políticas de temática relacionadas e os principais programas de innovación a nivel rexional, nacional e europeo, como é o caso das respectivas axendas dixitais ou o Programa horizonte 2020, entre outros.

Nota difundida pola Consellería de Educación - Xunta de Galicia


Joomla extension by ShellManager

Fundación Empresa Universidad Gallega
Rúa Lope Gómez de Marzoa s/n
Campus Vida
15705 Santiago de Compostela (A Coruña)
Tlf. 981 534 180. Fax 981 524 351
feuga@feuga.es

Sede Vigo
Área Comercial - Local A9
Campus Uni. Lagoas Marcosende
36310 Vigo (Pontevedra)
Tlf. 986 469 110. Fax 986 469 158
feugavigo@feuga.es

Sede A Coruña
Centro Universitario de Riazor
Rúa Almirante Lángara, s/n
15011 A Coruña
Tlf. 981 250 903. Fax 981 250 632
feuga@feuga.es